O Concello de O Porto do Son, xunto ao CEIP Portosín e as Confrarías de Pescadores de Porto do Son e de Portosín, organizaron este mércores 17 de xuño durante a mañá unha xornada intensiva de limpeza de praias. Foi, en palabras do profesorado do CEIP, “unha experiencia que resultou ir moito máis alá de recoller residuos: foi unha lección práctica sobre a importancia de coidar o noso mar”. A xornada incluíu unha charla impartida pola bióloga da Confraría de Pescadores, Beatriz, que ampliou os coñecementos da rapazada participante sobre o ecosistema mariño e como a nosa pegada afecta ao lugar onde vivimos.

A xeira de traballo levouse a cabo nos areais de Entrepuntas e de Coira. Un dos obxectivos da xornada foi concienciar e sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia de manter limpas as praias e, en consecuencia, o noso mar. Púxose o foco nos plásticos (sempre presentes, por desgraza, nos nosos areais) pero tamén en apeiros de pesca que se degradan nas praias e que en ocasións poden seguir provocando morte entre as diferentes especies.




