A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) celebraron na tarde deste xoves 18 de xuño o acto de entrega da segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores novos, que tivo lugar no Centro Obra Social Abanca, en Santiago, e que se retransmitiu en directo a través de Afundación TV. Estes galardóns buscan impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade.
No eido das Ciencias Básicas, a galardoada é Verónica Bolón, pioneira en deseñar sistemas de IA sustentábeis; en Ciencias Técnicas distínguese a Laura Castro polo seu labor no campo das enerxías renovábeis mariñas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento corresponde a María Barreiro, dedicada a axudar ás organizacións a ser máis respectuosas cos recursos naturais. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéronse ademais varios accésits, entre eles unha distinción para Rubén Lado, investigador do concello de Outes.

No evento participaron o secretario xeral da UIE, Pedro Otero; e o presidente da RAGC, Juan Lema, xunto a outros membros dos dous organismos. Asistiron ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; e a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da Universidade de Santiago, Almudena Hospido; ademais de representantes doutras entidades políticas, culturais, científicas e académicas galegas.
O accésit en Ciencias Sociais como foi como dixemos para Rubén Lado (Outes, 1989), profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago. Ao longo da súa carreira desenvolveu dúas grandes liñas de investigación: o estudo do efecto da localización empresarial sobre as variábeis económico-financeiras, con especial atención ao sector turístico-hoteleiro español; e a xestión de riscos empresariais nun contexto de crecente dixitalización e transición enerxética. Estas liñas conectan con problemáticas actuais como a sostibilidade, a intelixencia artificial e a automatización. É secretario do Centro de Estudos Turísticos (CETUR) da USC e investigador de ECOBAS.




