A Pobra amosa a súa solidariedade co pobo de Venezuela e reivindica a defensa da sanidade pública

26 Xuño 2026

O Concello da Pobra do Caramiñal acolleu este venres, 26 de xuño, dous actos institucionais na Casa do Concello para expresar a solidariedade co pobo de Venezuela e reivindicar a defensa da sanidade pública.

Ás 12.00 horas, representantes dos grupos municipais Nós Pobra, BNG, PSOE e VxP, xunto con veciñanza, participaron no minuto de silencio convocado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) en sinal de apoio ao pobo de Venezuela tras os terremotos rexistrados no país. Deste xeito, o Concello sumouse á convocatoria promovida pola entidade municipalista en toda Galicia. 

Media hora máis tarde, o Salón de Plenos acolleu a lectura da declaración institucional conxunta en defensa da sanidade pública, asinada polos grupos municipais Nós Pobra, BNG, PSOE e VxP.  

No documento, os grupos municipais asinantes reafirman o seu compromiso cunha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade como un dereito fundamental da cidadanía, ao tempo que subliñan o papel esencial da Atención Primaria na prevención, o diagnóstico e o seguimento da saúde da poboación.  

A declaración recolle tamén a preocupación pola situación do Centro de Saúde da Pobra do Caramiñal, marcada pola insuficiencia de persoal sanitario, as demoras na atención e a perda de servizos, circunstancias que obrigan a numerosos veciños e veciñas a desprazarse a outros municipios para recibir asistencia sanitaria.  

Neste contexto, os grupos asinantes instan á Xunta de Galicia e á Consellería de Sanidade a” adoptar as medidas necesarias para garantir unha dotación estábel de profesionais, reforzar os servizos de atención continuada e dar resposta ás necesidades asistenciais da veciñanza”.

Así mesmo, recoñecen o labor desenvolvido pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza e expresan o seu apoio á manifestación convocada para este 28 de xuño, animando á cidadanía a participar de maneira libre e responsable.  

Con estes dous actos, o Concello da Pobra do Caramiñal sumouse a unha xornada de solidariedade e reivindicación, dando visibilidade tanto ao apoio ao pobo de Venezuela como á defensa dun sistema sanitario público, universal e de calidade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leer, la vida”. Alberto Barciela

“Leer, la vida”. Alberto Barciela

Antes de conocer el mundo, lo leímos. Antes de caminarlo, ya habíamos recorrido sus sendas, descifrando la urdimbre, esa palabra hermosa que nace del latín ordiri para tramar o tejer nuestra propia existencia. Fuimos porque otros soñaron antes. Navegamos con...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.