
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza súmase este próximo día 4 de xuño, á convocatoria de concentracións diante de hospitais e centros de saúde feita pola plataforma SOS Sanidade Pública. No caso da nosa comarca, a concentración será na entrada do Hospital da Barbanza, ás
12.00 h.
Segundo sinalan, esta convocatoria xeral débese á “precaria situación do sistema sanitario é á necesidade de abordar con firmeza as listas de espera”.
Dende SOS Sanidade Pública propóñense dez medidas para abordar esta situación:
1 “Transparencia e coñecemento da realidade das listas de espera para acabar coas maquillaxes e ocultacións dos e das pacientes que agardan”.
2 “Prioridade absoluta para os problemas que teñen risco de morte ou invalidez”.
3 “Coñecemento publico dos criterios empregados para clasificar a cada paciente nas listas”.
4 “Utilización intensiva dos recursos do sistema sanitario publico para que as consultas, quirófanos e os recursos diagnósticos funcionen en quenda de mañá e tarde en lugar de remitilos a centros privados concertados”.
5 “Incremento do orzamento e o persoal de todas as categorías laborais en atención primaria e hospitalaria”.
6 “Esixencia de dedicación exclusiva a todos os profesionais sanitarios, para garantir o bo aproveitamento dos recursos e acabar coas corruptelas nas derivacións”.
7 “Potenciación da atención primaria de saúde aprobando un novo modelo de atención multidisciplinar e comunitaria con recursos suficientes para acabar coas barreiras de acceso aos centros de saúde e mellorar a súa capacidade de resolución da demanda asistencial”.
8 “Mellora da coordinación entre atención primaria e especializada mediante plans de coordinación das áreas de saúde, que garantan quen e onde debe tratarse e seguir a cada paciente”.
9 “Desenvolvemento dunha rede de camas de media e longa estancia, para lograr a desconxestión e un rendemento adecuado dos hospitais de agudos creando camas de media e longa estancia e centros xeriátricos”.
10 “Desenvolvemento e coordinación da atención sociosanitaria para evitar estadías innecesarias nos centros hospitalarios de agudos”.
Continúan as concentracións nos centros de saúde
A concentración extraordinaria do día 4 súmase ás xa habituais concentracións nos centros de saúda da comarca do Barbanza:
O martes 2 de xuño (primeiro martes do mes), ás 19 h: diante do Centro de Saúde de Rianxo, haberá concentración para reclamar a apertura do PAC as 24 horas, a necesidade dunha ambulancia as 24 horas, o reforzo de pediatría e a cobertura de ausencias.
O venres 5 de xuño, ás 11.30 h: diante do Centro de Saúde de Aguiño, haberá concentración para reclamar a cobertura do persoal sanitario: de dúas médicas, unha está de baixa desde novembro.
E tamén o venres 5 de xuño, ás 12 h: a concentración da Pobra do Caramiñal pásase a partir deste venres á avenida Castelao (nos Xardíns Valle-Inclán), onde se reclamará que o PAC abra tamén polas tardes os días laborais.



