A Noite Aberta de Boiro convértese nunha edición especial sobre o eclipse

10 Xuño 2026

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) presentou este 10 de xuño unha nova edición da Noite Aberta de Boiro, que se celebrará o vindeiro sábado 13 de xuño e que nesta ocasión estará inspirada no eclipse solar previsto para o próximo mes de agosto. O alcalde, José Ramón Romero, participou a presentación xunto co xerente da ABE, Daniel García.

Baixo o lema de edición especial Eclipse, os establecementos participantes ofrecerán durante toda a xornada descontos, promocións e actividades especiais dirixidas á clientela, culminando cunha apertura comercial extraordinaria ata as 22:00 horas. Ademais das accións organizadas polos propios negocios, as rúas da localidade contarán con diferentes elementos de animación para crear un ambiente festivo e atractivo para veciños e visitantes.

Como complemento á programación, o Concello de Boiro colaborará coa campaña organizando a partir das 20:00 horas unha actuación itinerante da charanga St. James Dixie Band, que percorrerá as principais rúas comerciais da vila contribuíndo a dinamizar o ambiente durante a tarde e a noite.

Como principal novidade desta edición, a campaña repartirá entre os clientes un total de 1.500 lentes especiais para a observación do eclipse solar, convertendo esta iniciativa nunha oportunidade para promocionar o comercio local ao tempo que “se difunde un dos acontecementos astronómicos máis esperados dos últimos anos”, explicaron dende a ABE e o Concello.

A programación incluirá tamén unha Ruleta da Sorte Especial Eclipse, na que os clientes poderán participar presentando os seus tíckets de compra por importe igual ou superior a 10 euros realizados nos negocios adheridos. Todos os participantes obterán premio directo, xa que a organización dispón de máis de 1.500 agasallos.

Ademais, os asistentes poderán desfrutar dun posto de flocos de millo mediante os vales distribuídos polos establecementos participantes, contribuíndo a crear un ambiente de lecer e animación nas rúas durante toda a tarde.

Os negocios participantes estarán identificados coa imaxe oficial da campaña e decorados con globos en cores rosa e negro, recreando a estética do eclipse e convertendo as rúas comerciais nun espazo atractivo e recoñecíbel para a clientela.

A Noite Aberta contará tamén coa colaboración da asociación BarbanTEA, que instalará un punto informativo na zona comercial. Neste espazo realizarase unha exposición do libro Vítor é autista, habilitarase un punto para a recollida de donativos e ofrecerase un servizo gratuíto de préstamo de cascos anti-ruído para todas aquelas persoas que os precisen por motivos de hipersensibilidade auditiva, contribuíndo así a facer da xornada unha actividade máis inclusiva e accesíbel para toda a cidadanía.

Durante a presentación da campaña participaron Daniel García, presidente da Asociación Boirense de Empresas; José Ramón Romero, alcalde de Boiro; e Roberto Lojo, concelleiro de Comercio.

O presidente da ABE, Daniel García, destacou que “a Noite Aberta é unha das accións máis importantes do calendario comercial de Boiro xerando movemento nas rúas e ofrecendo unha experiencia diferente aos clientes. Este ano queremos que a temática do eclipse converta a xornada nun evento atractivo para toda a familia”.

Pola súa banda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, puxo en valor “o traballo que realiza a ABE ao longo de todo o ano para dinamizar a actividade económica local e fomentar o consumo de proximidade. O comercio é unha peza fundamental da vida social e económica de Boiro e iniciativas como esta contribúen a reforzar a súa competitividade e capacidade de atracción”.

A Noite Aberta conta cada ano cunha importante participación tanto por parte dos negocios como da clientela, consolidándose como unha das accións de dinamización comercial máis destacadas do calendario anual da Asociación Boirense de Empresas.

Outros artigos

Ribeira prepárase para unha nova edición do IV Ciclo da USC

O Concello de Ribeira mantén aberto o prazo de matrícula da IV Ciclo da USC ata o 24 de xullo; unha acción formativa dirixida a alumnado maior de 50 anos, tal e como indicou a concelleira de Educación, Nucha Brión. Segundo manifesta a edil, "nunca é tarde para seguir...

+

Este domingo 12 celébrase a XII Carreira pola Diversidade de Ambar

Este domingo 12 de xullo, terá lugar a celebración da Carreira pola Diversidade dende as 10h na explanada de Coroso (Ribeira), tras o aprazamento da data inicial no mes de maio. A gran novidade desta edición é o enfoque cara a unha "experiencia transformadora". Ambar...

+

Julián Bustelo e Ana Vidal visitan a rapazada do Concilia Verán 2026

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e a concelleira de Xuventude, Ana Vidal, visitaron esta semana aos nenos e nenas participantes no programa Concilia Verán 2026: unha completa axenda de actividades para favorecer no concello a harmonía entre o tempo de lecer da...

+

Este sábado celébrase a Festa de San Benito de Bergondo (Noia)

Este sábado 11 de xullo, a parroquia de Bergondo (Noia) vai celebrar a súa tradicional Festa de San Benito cunha programación pensada para todas as idades: sesión vermú, gastronomía, inchábeis con auga, festa da escuma e moita música ata ben entrada a noite. A festa...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.