A Gramola Gominola celebra unha década nos escenarios coa publicación dun traballo que presentarán en Boiro

29 Xuño 2026

A Gramola Gominola cumpre dez anos enriba dos escenarios e celébrao coa publicación de Parabéns para nós! 10 anos en directo, un novo libro-disco que recolle a esencia dunha década de música, lingua e diversión compartida co público máis novo. A banda iniciou unha xira de presentación para levar o seu rock & roll en galego a diferentes localidades da xeografía galega. O 6 de xullo darán un concerto moi especial en Boiro, no marco da programación das Festas. Será ás 21 horas na praza do Centro Social.

Parabéns para nós! 10 anos en directo é unha celebración da música, da lingua e da imaxinación. Gravado en directo nun concerto no Auditorio Municipal de Bertamiráns (Ames), o quinto libro-disco da formación reúne once das cancións máis emblemáticas e queridas polo público gramoleiro, entre elas Non movas a crista, Superlingua ou A Gramola Gominola máis ti.

A publicación conta con ilustracións de Dani Padrón e está editada por Embora.

Este novo traballo recupera algúns dos personaxes máis memorábeis destes dez anos de traxectoria: o Monstro máis rockeiro, a enxeñosa Carmela, a Campioa Internacional ou a poderosa Superlingua. A través das súas historias e cancións, transmítense valores como a creatividade, a igualdade, a reciclaxe, o respecto pola natureza e o orgullo de vivir e medrar en galego.

O libro-disco xa está dispoñíbel na web de Embora, en librarías e grandes superficies, e tamén poderá adquirirse nos concertos da xira. Estas son as próximas datas confirmadas:

06/07/2026 – Boiro

10/07/2026 – Meis

11/07/2026 – Por anunciar

23/07/2026 – Compostela

23/08/2026 – Cangas

A Gramola Gominol está formada por Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe, banda de Guadi Galego), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di Elas, Lacón con Grelos).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.