A alcaldesa de Ribeira recibe á reitora da USC na súa primeira visita oficial á súa terra de orixe dende a súa proclamación

03 Xuño 2026

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto a membros do Goberno municipal recibiron este mércores 3 de xuño á reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, na súa primeira visita oficial ao municipio dende a súa proclamación como primeira muller que ostenta o cargo da dita institución educativa nos 531 anos de historia da mesma.

A xornada comezou na casa consistorial, onde Crujeiras plasmou a súa rúbrica no libro de honra do Concello, tanto en calidade do cargo que ocupa como de veciña. Deseguido, achegáronse ata o Centro Cultural Lustres Rivas para coñecer aos 50 alumnos e alumnas participantes no IV Ciclo da USC, que converteu a Ribeira en primeira sede externa da Universidade.

“É todo un orgullo ver como esta veciña de Artes acadou un importante fito histórico que non é só unha vitoria individual, senón que tamén un mérito para o conxunto da sociedade ribeirense. Podo comprender o mare magnum de actividade institucional e responsabilidade na que se debe ver envolta, ademais da transcendencia de ser a primeira muller que ostenta o cargo de reitora. Ben o sei ao pasar por todo iso no momento no que eu tiven a honra en converterme na primeira alcaldesa de Ribeira. Porque isto tamén supón un cambio no presente e a apertura de camiños para as mulleres de futuras xeracións”, declarou a rexedora durante a visita.

Sampedro tamén apelou a seguir colaborando entre Concello e Universidade para “dar continuidade á achega de formación de calidade aos nosos veciños e veciñas a través das sinerxías entre as dúas institucións”.

No acto, a reitora manifestou a súa satisfacción por poder comprobar a “boa saúde” do Diploma Sénior do IV Ciclo Universitario da USC en Ribeira, “o lugar onde comezou o meu camiño e onde aprendín valores que me acompañaron ao longo da vida como o esforzo, a capacidade de superación e o compromiso coa comunidade e que tamén recoñezo nesta iniciativa universitaria”, dixo, engadindo que “o IV Ciclo representa sen dúbida unha das mellores expresións do compromiso da Universidade coa sociedade: unha Universidade aberta, próxima e convencida de que a aprendizaxe é un proceso que nos acompaña ao longo de toda a vida”, sentenciou.

Ademais, lembraron que este venres 5 de xuño comeza a décima edición do programa de democratización do coñecemento para maiores de 50 anos Camiños de Coñecemento e Experiencia, o cal porá o foco no patrimonio, a fotografía e a contorna dixital durante a primeira quincena do mes de xuño, seguindo a metodoloxía teórico-práctica.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...