A alcaldesa de Ribeira di que o Concello solucionou os atrancos para renovar a grada do Campo de Fútbol de Carreira

08 Xuño 2026

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o concelleiro, Víctor Reiriz, mantiveron este luns 8 de xuño un encontro de traballo coa directiva do Club de Fútbol de Carreira para informar “dos avances do Executivo no proxecto de renovación da bancada do campo da parroquia, uns avances que culminaron a semana pasada”, sinalou a rexedora, “coa solución dunha eiva que requirira a Deputación da Coruña en maio do 2025, sen producirse ningún avance ata a entrada do novo equipo de goberno”, en palabras da rexedora, engadindo que o proxecto consiste na construción dunha nova bancada no Campo de Fútbol de Carreira por un importe total de arredor de 260.000 euros dentro do POS+2025 da Deputación da Coruña.

Sampedro dixo que a Administración local recibiu en maio do ano pasado un requirimento por parte do ente provincial no que solicitaba un estudo xeotécnico; “un estudo que non se fixo nese momento, cando estaba o anterior goberno, e que se contratou a finais de novembro xa coa entrada do actual Executivo e que se fixo no ano en curso”, sinalou, engadindo que “segundo reflectiron os resultados dese estudo xeotécnico, o terreo onde se contemplaba a nova bancada non era apto tal e como estaba feito o proxecto para executarse e, en consecuencia, o persoal técnico municipal fixo modificacións nesa futura actuación, entre eles, a construción duns tanques formigón ciclópeo”.

A rexedora dixo que “este proxecto está emendado dende a semana pasada e enviado á Deputación da Coruña, á espera de recibir contestación pola súa
parte. Nós imos avogar sempre pola seguridade e este proxecto tamén estaba supeditado a que se realizase ese estudo xeotécnico requirido polo ente provincial”, declara a mandataria local. Engadiu que “unha vez teñamos resposta por parte da Deputación de que está todo correcto e completo, o Concello ten a absoluta prioridade de sacalo a licitación”.

Outra das cuestións a abordar durante a reunión foi o do 50 aniversario do club de fútbol que se celebrará no 4 de xullo, para ir definindo as actividades a realizar por tal efeméride.

Críticas do BNG

A semana pasada o grupo municipal do BNG urxiu ao Concello a actuar coa máxima rapidez para solucionar a renovación da grada, unha actuación valorada en máis de 250.000 euros e que, segundo explicou o ex-alcalde portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, quedou “co proxecto aprobado e cos cartos dispoñíbeis” durante a etapa do BNG no goberno municipal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...