
A Asociación de Empresarios de Ribeira (AER) lanza este mes de xuño unha nova e innovadora campaña: Cos Avós no Comercio de Ribeira, unha iniciativa que se desenvolverá entre o 22 de xuño e o 3 de xullo co obxectivo de render homenaxe aos nosos maiores e, ao mesmo tempo, dinamizar o comercio de proximidade. Estará en todos os comercios asociados da AER.
Dende a asociación indican que o obxectivo é xerar unha oportunidade para recoñecer o papel fundamental que os avós desempeñan nas nosas familias, no comercio e na nosa sociedade, ao tempo que incentivamos as compras nos establecementos asociados.
Durante o período da campaña, todas as persoas que realicen compras nos comercios participantes poderán entrar no sorteo de 300 euros en vales de compra.
Para participar, deberán subir os seus tíckets de compra á páxina web da asociación entre o 22 de xuño e o 3 de xullo. Todos os tíckets rexistrados durante esas datas participarán automaticamente no sorteo.
Ademais, repartiranse nos comercios asociados unhas tarxetas especiais para que os clientes poidan escribir unha mensaxe, unha dedicatoria ou un recordo dirixido aos seus avós.
Ao rematar a campaña, recolleranse todas as tarxetas e crearase un mural colectivo que será exposto na praza do Concello de Ribeira, converténdose “nun espazo de recoñecemento e afecto cara ás persoas maiores”, informaron dende a AER, engadindo que como peche desta iniciativa, o día 3 de xullo desenvolverase na praza do Concello a Festa dos Avós, unha xornada aberta a toda a veciñanza na que haberá actividades interxeracionais; música, baile e animación, unha exposición do mural de dedicatorias, o sorteo dos 300 € en vales de compra e o reparto de bolsas (ata esgotar existencias) previa presentación un tícket de compra dos asociados.
Con esta campaña queremos seguir fortalecendo a relación entre o comercio local e a cidadanía, promovendo valores como o agradecemento, a convivencia entre xeracións e o apoio ao comercio de proximidade”, sinalou a asociación que preside Francisco Martínez Gude.
Esta actividade está co-financiada pola Xunta de Galicia, Comercio Galego.



