Estes días estase a celebrar na Coruña a VII entrega da feira Galicia Design Week (GDW), que inaugurou este martes o seu gran bloque expositivo na avenida do Porto para dar conta do valor e da potencia creativa do país. O acto de apertura contou coa presenza da artista visual Zeltia Iglesias, de Ribeira, que acompañou aos representantes da organización, do Concello, da Xunta e das empresas que patrocinan este importante evento creativo, xunto coa a escenógrafa Ana Inés Jabares Pita, a ceramista Camila Sánchez (LamaeLume), a arquitecta Celsa Pesqueira, a fotógrafa creativa María Cereijo e o deseñador de moda Mario Leiro.

A inauguración serviu para presentar as dúas propostas que a cidadanía poderá descubrir estas semanas durante a sétima edición da GDW. Por unha banda, Designed in Galicia, unha recompilación dos proxectos máis salientábeis que colleitaron galardóns de prestixio ao longo do último ano, como é o caso de Miguel Leiro (Premio Nacional de Diseño 2025), a empresa rianxeira D-Due (Premio Luis Seoane de Deseño 2025), estudios de arquitectura (entre os que destacan Carlos Seoane, CREUSeCARRASCO ou Carbajo Barrios) ou axencia creativas (teiga.studio).

As estruturas que soportan as pezas desta mostra -que se poderá visitar até o 14 de xuño- foron deseñadas e fabricadas especificamente para esta cita por Grupo Malasa, a firma familiar galega que lidera a produción de mobiliario a medida en toda Europa. Pola outra, o público poderase achegar até o 4 de xuño a #novodeseñogalego, unha escolma que pon o foco no talento emerxente.
A exhibición recolle un total de 20 propostas asinadas por 10 perfís multidisciplinares e que estes días están a presentar os seus proxectos na cidade tanto nas sesións TALKS e MICROTALKS: Álvaro Bellón, Ana Inés Jabares Pita, Andrea Ures, Lamaelume, Laura Campos, María Cereijo, mariOLéiro, Nuclear, Pesqueira e a ribeirá Zeltia Iglesias.
Sobre Zeltia Iglesias
Zeltia Iglesias (Ribeira, 1997) é unha artista multidisciplinar, deseñadora gráfica e directora de arte. É a creadora da publicación experimental The Posttraumatic e da serie fotográfica Antibandeiras, onde achega unha ollada crítica sobre a simboloxía das bandeiras que marcan os territorios. Na GDW participa na exposición #novodeseñogalego, situada na contorna peonil da avenida do Porto e da Mariña. Esta mostra pon o foco no talento da nosa mocidade a través de 20 proxectos de 10 perfís multidisciplinares. Estará dispoñíbel até o 4 de xuño de 2026. Zeltia Iglesias participou nas presentacións e charlas profesionais organizadas no marco das charlas e microcharlas do festival.

Sobre D-Due
Entre as empresas presentes na feira atópase D-Due, que recibiu en 2025 o Premio Luis Seoane de Deseño que entrega a Deputación da Coruña.
D-Due é unha empresa téxtil con orixe no ano 1960, dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo dende a década dos 90 e con sede en Rianxo. As súas coleccións e creacións artísticas son apreciadas internacionalmente por mercados tan exclusivos coma o xaponés, de feito, contan con tenda propia en Aoyama, unha das zonas comerciais máis exclusivas de Tokio, dende o ano 2015. A difusión internacional de DDdue consolidouse ao longo dos últimos anos coa súa presenza nunha ampla variedade das tendas e dos grandes almacéns máis exclusivos de Italia, Francia ou Corea do Sur entre outras cidades clave do panorama da moda mundial.

Este mércores
A GDW porá o foco este mércores 20 de maio na innovación estratéxica, no deseño gráfico de vangarda e na análise das grandes correntes que están a redefinir o comportamento social e tecnolóxico a nivel mundial. A xornada repartirase entre dúas sedes novas desta edición: o espazo creativo Vavava Haus e a Fundación Barrié.
A xornada comezará cunha nova proposta dentro do bloque de formación especializada. Trátase do obradoiro Prägnanz, un taller de catro horas de duración impartido pola recoñecida e premiada axencia coruñesa de deseño Costa. Neste espazo de traballo práctico e avanzado, o equipo guiará ás e aos asistentes a acadar a máxima eficacia visual e claridade nas mensaxes.
Xa pola tarde, a GDW trasladarase á Fundación Barrié, onde se desenvolverá a sesión especial impulsada por Accenture Song. De 19.00 a 21.00 horas, o maior grupo creativo do mundo presentará na cidade herculina o seu informe anual Life Trends 2026, un estudo que analiza polo miúdo o impacto directo que as novas tecnoloxías, a intelixencia artificial e os cambios socioculturais teñen no comportamento das persoas e no deseño de estratexias de marca. O encontro supón unha oportunidade única para coñecer de primeira man as claves que marcarán os vindeiros anos no mercado global da creatividade e os produtos dixitais, segundo avanzou a organización.
A GDW, codirixida por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, é a gran cita do deseño galego.



