UFD, a distribuidora eléctrica do grupo Naturgy, levou a cabo diversas actuacións para mellorar a calidade e fiabilidade da subministración eléctrica na comarca de Barbanza, cun investimento global próximo aos 1,9 millóns de euros. Estas melloras benefician principalmente aos municipios de Boiro e O Porto do Son, segundo explicou UFD.

No municipio de Boiro, a compañía investiu un total de 1,6 millóns de euros en distintas actuacións orientadas a reforzar a rede eléctrica e optimizar o seu funcionamento. Entre elas, destaca a execución dunha nova liña subterránea de media tensión de 2.400 metros en Cabo de Cruz, xunto coa instalación dun novo centro de transformación de 250 kVA e un centro de seccionamiento que mellora a operación e calidade da rede, cun investimento de 637.000 euros.
Así mesmo, na zona de Portomouro desenvolveuse unha nova liña subterránea de media tensión de 600 metros, un novo centro de transformación de 250 kVA e o reforzo da rede de baixa tensión, cun investimento de 292.000 euros.
En Moimenta, actuouse mediante a construción dunha nova liña subterránea de media tensión de 700 metros, a instalación dun centro de transformación de 100 kVA, o reforzo da rede de baixa tensión e a reforma dun centro de transformación existente, cun investimento de 481.000 euros.
Pola súa banda, en Brea executouse unha nova liña subterránea de media tensión de 100 metros, un centro de transformación de 250 kVA e melloras na rede de baixa tensión, cun investimento de 87.000 euros.
Ademais, no núcleo urbano de Boiro hase levado a cabo a instalación dunha nova liña subterránea de 560 metros que permite o peche das liñas que dan subministración ao centro de Boiro, xunto coa incorporación de sistemas de telecontrol no centro de transformación Mallón, cun investimento de 147.000 euros.
Finalmente, no municipio do Porto do Son, UFD executou unha nova liña subterránea de media tensión de 1.400 metros na zona de Serans-Espiñeirido, cun investimento de 234.000 euros, o que permitirá mellorar a calidade da subministración eléctrica nesta área.
Estas actuacións forman parte do compromiso de UFD coa modernización da rede de distribución eléctrica en Galicia, “contribuíndo a garantir unha subministración máis segura, eficiente e de maior calidade tanto para os fogares como para a actividade económica da comarca”, en palabras do grupo.
Para a delegada de UFD na provincia da Coruña, Marisa Álvarez, “estes investimentos reforzan a infraestrutura eléctrica na comarca de Barbanza, co obxectivo de ofrecer unha subministración máis segura e eficiente, que contribúa á mellora da calidade de vida e ao desenvolvemento económico das zonas rurais”.
UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, xestiona na provincia da Coruña preto de 24.500 quilómetros de rede de baixa e media tensión, preto de 10.300 centros de transformación e dá servizo a 731.000 puntos de subministración. En Galicia, dá servizo a case 1,6 millóns de puntos de subministración en 286 municipios das catro provincias galegas, a través dunha rede de máis de 61.000 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión.
A distribuidora eléctrica investirá 520 millóns de euros ata 2029 para reforzar e dixitalizar a súa rede eléctrica en Galicia. Esta cifra de investimento supón o 42% do investimento total en España, onde Naturgy investirá un mínimo de 1.218 millóns de euros na súa rede eléctrica no país ata 2029.





