O Parque das Avesadas de Ribeira foi declarado este mércores 27 de maio Espazo Sen Fume de tabaco e vapeadores nun acto institucional froito do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ribeira, a Asociación Española Contra o Cancro e a Asociación Renacer para a promoción da saúde e a prevención do consumo de tabaco.
Con esta iniciativa, vinculada ao Día Mundial sen tabaco que se conmemora o 31 de maio, Ribeira intégrase na rede de Espazos Sen Fume impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro, un proxecto que a entidade está a desenvolver en toda a provincia coa colaboración de administracións e entidades para crear contornas libres de tabaco, vapeo e outros dispositivos, especialmente en espazos frecuentados por menores.

O acto, celebrado no propio Parque das Avesadas, incluíu o descubrimento da sinalética que acredita este espazo como libre de fume e contou coa participación de María José Carreira, presidenta da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro en Ribeira (AECC); María José Garabán, secretaria da Asociación Renacer; Otilia Mourelo, representante do Consello Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña; e Vicente Mariño de Bricio, concelleiro delegado de Servizos Sociais, Mercados, Sanidade, Desenvolvemento Industrial e Parques e Xardíns. Todos eles coincidiron en sinalar “a importancia de sumar esforzos entre institucións e entidades sociais para protexer a saúde da cidadanía”.
Esta colaboración en Ribeira complétase con distintas actividades de información e sensibilización dirixidas á veciñanza. O mesmo mércores a Asociación Española Contra o Cancro, en colaboración co Centro de Saúde de Ribeira, instalará unha mesa informativa no propio centro, en horario de 11.00 a 13.00 horas, e pola tarde outra no propio Parque das Avesadas, de 18.00 a 20.00 horas. Ademais, no marco desta colaboración co Centro de Saúde, profesionais da Asociación impartirán accións formativas sobre novos dispositivos relacionados co tabaco, dirixidas tanto a persoal sanitario – o día 10 de xuño ás 14.00 horas – como as familias – o día 17 de xuño ás 10.00 horas – co obxectivo de abordar os novos retos asociados ao consumo destes produtos.

No transcurso da inauguración Vicente Mariño sinalou que se trata “máis alá dunha acción simbólica. É unha mostra do compromiso de crear zonas libres de tabaco e vapeadores en lugares frecuentados pola rapazada. Non falamos só dunha sinal. Falamos de educar e concienciar. Queremos que os espazos públicos de Ribeira sexan máis respectuosos para todos. A exposición pasiva ao fume afecta especialmente aos nenos e nenas. Por iso, actuar nos espazos públicos, é tamén unha maneira de previr.” Mariño aproveitou a ocasión para agradecer e destacar o labor desenvolvido tanto pola AECC como por Renacer.

A provincia xa conta con 77 Espazos Sen Fume activos
A AECC informou de que coa incorporación do Parque das Avesadas en Ribeira, a Asociación Española Contra o cancro conta xa con un total de 77 espazos sen fume activos na provincia coruñesa. Este avance, sinalan, “contribúe a reducir a exposición ao fume ambiental, desnormalizar o consumo de tabaco e fomentar hábitos de vida saudábeis, á vez que pretende xerar un cambio social a longo prazo entre a infancia e a mocidade, colectivos máis vulnerábeis á influencia do ambiente”. A súa implantación baséase precisamente na colaboración coas administracións locais e co tecido asociativo, como é o caso de Ribeira, onde o traballo conxunto co Concello e coa Asociación Renacer fai posíbel impulsar este tipo de accións no territorio, lembran.
A AECC quixo subliñar, coincidindo coa presentación en Ribeira, que “o tabaco é responsábel dun de cada tres casos de cancro e está relacionado con ata 16 tipos distintos da enfermidade, incluído o cancro oral, que representa un 33 % dos casos”.
Coa creación destes espazos, engaden, “ademais de promover hábitos de vida beneficiosos para a saúde e a eliminación do consumo de cigarros e vapeadores, evítase que a poboación continúe a ser fumadora pasiva de forma involuntaria”. Deste xeito contribúese a reducir, a longo prazo, mortes prematuras e casos de cancro e doutras enfermidades crónicas. Trátase dunha medida que se adianta á futura ampliación da lexislación e que se aliña cos obxectivos da Comisión Europea, orientados a reducir a porcentaxe de persoas fumadoras a menos do 5 % no ano 2040.
Segundo estimacións do Observatorio do Cancro da Asociación, na provincia da Coruña fuman a diario 171.515 persoas, das que 10.553 son mozos e mozas de entre 15 e 24 anos. A esa cifra hai que sumar 22.372 fumadores ocasionais, dos que más do 15% teñen entre 15 e 24 anos.



