
A Fundación Exponav ten programada para a vindeira semana unha mostra do artista belga Rodolphe Schönberg, gravador e debuxante cuxa obra pon o foco nos temas relacionados co mar. As 43 estampas de Schönberg que configuran a exposición son propiedade do MUGART (Museo do Gravado de Artes, do concello de Ribeira), que colabora con Exponav e que cedeu estes gravados para que poidan ser visitados na sala Carlos III dende o 4 de xuño, data na que terá lugar a inauguración ás 19:00 horas.
Rodolphe Schönberg naceu en Bruselas en 1901 e frecuentou na súa xuventude a Academia de Belas Artes desta capital, recibindo posteriormente leccións de artistas belgas como Kurt Peiser e Gérard Jacobs. As súas obras comezaron plasmando coa técnica da augaforte os ríos da provincia de Zelanda, nos Países Baixos, e os pequenos portos situados nese entorno de pescadores. O mar e os barcos acabarán por ser o motivo da maioría da súa obra -que se expuso en Bruselas, París e Róterdam- atopando inspiración tamén nas súa viaxes por Inglaterra, Dinamarca e América Central. Na II Guerra Mundial estivo á fronte dun grupo da resistencia de artistas e intelectuais que se opoñían aos nazis e foi arrestado en Bruxelas e fusilado pola Gestapo en 1944.
Os gravados que se poderán ver no edificio de Ferrerías seguen a técnica da augaforte e na súa maioría foron impresos en papel francés Rives.
O MUGART, que abriu as súas portas en 2001, ten un carácter pioneiro por dedicarse especificamente á técnica do gravado. A súa colección abrangue obras dende o século XV ata as que utilizan as técnicas dixitais máis modernas, un total de 45.000 estampas entre as que destacan traballos de Durero, Goya, Picasso, Miró, Dalí, Rubens, Callot ou Van Dyck.



