O Concello da Pobra organiza dúas xornadas sobre o Premio Emprende-Co Pobra e convida á cidadanía a presentar candidaturas

28 Maio 2026

O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da área de Promoción Económica e Comercio, organiza dúas xornadas informativas abertas á cidadanía sobre o Premio Emprende-Co Pobra, o programa municipal pioneiro de apoio ao emprendemento e á dinamización do comercio local, impulsado co apoio da Deputación da Coruña.

Segundo informaron dende o Goberno local, as xornadas están dirixidas a todas as persoas que teñan unha idea de negocio e queiran coñecer de primeira man en que consiste o premio, a quen vai dirixido e como preparar unha candidatura gañadora.

As xornadas están tamén abertas a entidades, asociacións e organizacións con contacto continuado con persoas emprendedoras ou en proceso de reorientación laboral (centros de formación, servizos de emprego, asociacións de comerciantes, espazos de coworking, cámaras de comercio e similares) que poidan actuar como prescritores do programa no seu ámbito de actuación.

“A súa presenza e colaboración é fundamental para que esta oportunidade chegue ao maior número posíbel de persoas interesadas”, informaron dende o Concello, engadindo que a asistencia é de balde, pero as prazas son limitadas, polo que se recomenda formalizar a inscrición con antelación.

Haberá dúas opcións de horario para facilitar a asistencia

Celébrase dúas xornadas en datas e horarios diferentes para que o maior número posible de persoas poida asistir:

Luns, 1 de xuño · de 11:00 a 12:30h

Martes, 9 de xuño · de 19:00 a 20:30h

Ambas celebraranse no Coworking Pobra · Rúa Condado, 7 · A Pobra do Caramiñal.

Visita guiada aos locais comerciais dispoñíbeis

Ademais de ofrecer toda a información sobre o premio e resolver as dúbidas dos asistentes, ao remate de cada xornada realizarase unha visita guiada pola Pobra do Caramiñal para coñecer algúns dos baixos comerciais que poderán formar parte da bolsa de locais do programa.

“Será unha oportunidade única para que as persoas interesadas poidan facerse unha idea real de posíbeis espazos co que contarían para desenvolver o seu negocio”, sinalaron as responsábeis destas actividades.

O que ofrece o Premio Emprende-Co Pobra

As persoas gañadoras recibirán un paquete integral de apoio para pór en marcha o seu negocio de comercio na Pobra do Caramiñal:

-Cesión gratuíta dun local comercial no centro do municipio durante 6-12 meses.

-Dotación económica de 10.000 € para os custos de arranque do negocio.

-Asesoramento individualizado en emprendemento e comercio durante 6-12 meses.

-Incorporación á rede de comercio local, con acceso ás campañas de dinamización e promoción conxunta.

Pode presentar candidatura calquera persoa física ou xurídica que desexe abrir un negocio de comercio na Pobra do Caramiñal: autónomas e autónomos, microempresas, pemes e iniciativas de economía social. Búscanse proxectos vinculados ao comercio retallista, servizos de proximidade, restauración lixeira, artesanía, cultura, actividades creativas, tecnoloxía e educación non regrada, entre outros.

Como inscribirse

A inscrición pode realizarse a través de dúas vías:

Por teléfono: 981 843 280 ext. 2035 (de 09:00 a 14:00 h)

A través do formulario de inscrición.

Prazos de inscrición

Xornada do 1 de xuño: antes do 29 de maio.

Xornada do 9 de xuño: antes do 3 de xuño.

Máis información na web municipal.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...