Luís Pérez Barral di que o Concello de Ribeira somete ao Polígono de Xarás ao “abandono” e que “recorta no mantemento no rural”

29 Maio 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ribeira votou en contra do proxecto de Orzamentos para o ano 2026 presentado polo Partido Popular por, en palabras do voceiro local, o ex-alcalde Luís Pérez Barral, “responsabilidade coa veciñanza e para protexer os recursos de todos e todas”.

O portavoz do BNG explicou do seguinte xeito a que ao seu xuízo é a situación actual do Concello trala moción de censura de outubro de 2025: “Imaxinen que lle deixan a chave dunha casa nova, limpa, coa neveira chea e cartos para as facturas a un inquilino, e ao pouco atópanse a casa patas arriba e as facturas sen pagar. Iso pasa en Ribeira. Deixamos o goberno cun colchón histórico de 6,5 millóns de euros e proxectos nas parroquias por 1,5 millóns, e en sete meses o PP presenta un documento que pretende baleirar a carteira e deixar de lado os proxectos importantes. Vostedes son uns malos inquilinos”.

Pérez Barral puxo o foco nos Orzamentos actuais, que segundo indicou o equipo de Goberno son “as segundas contas municipais máis grandes da historia de Ribeira”, con 34.737.390,17 euros.

O portavoz nacionalista dixo que “esta cifra expansiva é grazas ao traballo rigoroso de captación de fondos externos desenvolvido polo BNG para impulsar Banda ao Río e Cerqueira”. E engadiu: “Votamos en contra porque deixamos os cartos, si, pero vostedes veñen a desvirtuar os proxectos”, criticando ao Executivo porque, dixo Pérez Barral, “o PP tentou que os fondos non viñeran para Ribeira e non apoiaron a proposta para solicitar eses mesmos fondos europeos dos que hoxe saca peito”.

Criticou tamén que o Executivo destine “ao mantemento, conservación e pavimentación apenas 350.000 euros, un ridículo 1% do orzamento total que supón unha baixada de 30.000 euros respecto ao ano anterior; e tamén caen en 30.000 euros as partidas para levar auga para consumo ás vivendas que carecen dela e redúcense en 350.000 euros as de saneamento, o que contrasta cos 5,5 millóns investidos polo BNG no rural en dous anos”.

Neste punto dixo estar en contra “de que o Goberno aumente en 782.000 euros o gasto corrente e teña a previsión de subir un cento de miles de euros a recadación por sancións de tráfico, até rozar os 300.000 euros”.

Con respecto ao Polígono os nacionalistas cualificaron de “inaudito” que o orzamento teña “cero euros para licitar o polígono industrial de Pedras Vermellas”. E no que atinxe á residencia de maiores, sinalaron que o Executivo “ten a intención de tirar ao lixo 800.000 euros xa investidos no proxecto das Saíñas para mandar agora a residencia pública de maiores ao monte, illando aos maiores”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...