“Canto dende Viana, de José Luís Durán Mariño” – Xulio Xiz

22 Maio 2026

Coñecín a José Luis Durán Mariño xa hai uns anos, a través de amigos comúns que tiñamos o benéfico costume de xuntarnos un día á semana disfrutando en compañía duns vasos de viño do país. Puiden comprobar que era un home de sorriso franco, de conversación agradable, cunha apreciable fondura na expresión, e xunto cunha querencia apreciable polo Lugo onde vive desde hai 34 anos, unha irrefrenable paixón pola Pobra do Caramiñal e súa bisbarra, cousa que os chairegos sabemos apreciar pola nosa dependencia anímica da terra da que procedemos.

O seguinte paso, practicamente inmediato, foi saber que era médico, cirurxán dos eidos vasculares do corpo humano nese territorio que leva o nome do HULA, ao que cada vez teño máis motivos de agradecemento e máis querencia. E souben de amigos pacientes del, que recoñecían que despois dos pais que orixinaran a súa chegada ao mundo, estaba Durán Mariño, por facer o case milagre de mantelos vivos nel.

Souben logo do seu pensamento crítico, da súa análise social, e participei na presentación de libros – un deles, alomenos, fomos os dos a Madrid a presentalo – que máis que escritos a bolígrafo ou ordenador, polo precisos e incisivos parecen escritos co máis afiado bisturí.

E souben, por fin, non hai moito tempo, do Durán Mariño poeta cando tivo a suprema confianza de entregarme o que logo sería o libro que hoxe presentamos, composto por un feixe de poemas sentidos que non podían ter outra orixe ou temática que a terra a onde adoitaba volver cando a conversa de amigos avanzaba e cada quen deixaba asomar lembranzas, querencias, vivencias en terras que a distancia – por curta que sexa – fan pesar no corazón e apréixannos a alma. 

Estando Xosé Carlos Ulloa, non son quen de falar – por dentro – da poesía de Duran, e só direi – desde fóra – que os seus poemas sábenme a patria da nenez, a sentimento humano, a panteísmo, a tenrura…

E asómbrome da sinxeleza e fondura que lle fai dicir: “Viana recende a mar, / A caramiña, a frescura. / A beleza, a fermosura / A soños, a despertar”. Catro versos que encerran un mundo de vida.

Hai devoción cando fala da Virxe de Moldes, sinalando; “Erguida na súa capela / Posta á beira do camiño / Ao vela acorto o pasiño / E vexo a luz dunha estrela”.

Hai homenaxe ao Manuel María “ A Arousa somentes é / Unha illa aquí e outra acolá / Mil bateas espalladas / Nun lago de augas saladas / Dunha ría aberta ao mar / Cun gran ceo azul e branco / cheo de gaivotas a voar”.

E remato este entrar a saco da súa poesía como se arrancase as follas que máis me engaiolasen, co seu comezo para falar da vida: “A vida é unha ilusión / Un durmir, un espertar / Unha pegada na neve / Un suco feito no mar”.

Pero eu teño que recomendarvos que leades o libro. Porque para quen coide que todo é plácido, hai que dicirlle que se coñece a Durán ten que contar que tamén nos poemas ten que dicir catro verdades para quedar a gusto consigo mesmo nesta sociedade da que formamos parte, na que non todo é perfecto.

Cada quen que lea o libro, que saque a súa conclusión. Pero hai uns cantos poemas para ler, pensar e repensar, e que poderían moi ben figurar en calquera dos seus libros nos que fala da nosa “democracia low cost” ou “España, S.L. colmea insostible”. Despois de ler toda a poesia garimosa, saudosa, que do libro rezuma, ao mellor hai que pararse no poema “A revolucion do fungueiro”, ou no da droga, ou no do aborto…       

Releer onte o libro fíxome pensar nunha sección que habia en “La Codorniz” hai medio século, escrita por Rafael Castellano, daquela asinaba Castleman, que era “Tiemble después de haber reído”. Disfrutade coa poesía garimosa, doce, racial, fermosamente bucólica, que fala das xentes e das terras onde Durán veu a luz. Pero completade o libro, porque se os poemas do remate non vos conmoven, pode pasar como no final do poema Terra, onde di: “Pois o amor á terra nai / E unha obriga, unha paixón / Se non sintes ese anhelo /  E que non tés corazón”.

E remato co final do poema “A Mirada cega”, que me lembra o final do “Monólogo do vello traballador” que Celso Emilio Ferreiro escribiu cando viviamos unha “Longa noite de pedra”… Di o vello “Agora tomo o sol… e entras o tomo, espero”.

Durán remata: “Eu miro, pero non vexo. / e namentras miro, espero”.

Isto, amigos, non remata aquí. Continuará… seguro!.

Outros artigos

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...

+

“Caldaloba”, de Xosé Otero Canto”. Xulio Xiz

Tiven a honra de presentar o acto que en Cospeito se celebrou arredor de  “Caldaloba”, drama histórico en verso do poeta e profesor Xosé Otero Canto.        Foi, á vez, un placer inmenso estar en Cospeito, rodeado de amigos que saben,  eu que só poido intuir e sentir...

+

“Ofrenda” – Xulio Xiz

Celebrouse unha nova Ofrenda solemne do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo. Cumpríronse 357 anos da súa institución, e cada ano as sete cidades do antigo Reino, seguen a xuntarse en Lugo – corazón do país – para honrar ao Santísimo e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O carballo de Buchenwald”. José Antonio López Silva

“O carballo de Buchenwald”. José Antonio López Silva

Cada xuño, o mesmo titular: o alumno brillante que, podendo escoller calquera cousa, "malgasta" a súa nota nunha carreira de letras. Esta semana houbo dous —Juan Mosquera, un 13,64 sobre 14, marcha a Filoloxía Galega; Sabela Martínez vai a Harvard a doutorarse en...