A conselleira Ángeles Vázquez visitou en Seilán (Outes) o primeiro treito do itinerario costeiro de Galicia no que se van acometer melloras

28 Maio 2026

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, anunciou este xoves 28 dende Outes que a Xunta de Galicia iniciará nos próximos días, cun investimento total previsto de 1,1 millóns de euros, as obras de acondicionamento e mellora en varios tramos do futuro Camiño do Litoral de Galicia, unha ruta que vertebrará de norte a sur a costa máis extensa de todo o país a través dun percorrido de máis de 1.300 quilómetros e que se poderá percorrer tanto a pé como en bicicleta. Así o avanzou dende o primeiro punto sobre o que se vai intervir, en concreto, un camiño tradicional de 500 metros que conecta os núcleos de Riba de Mar e Seilán e forma parte da etapa 32 entre O Freixo e Noia do Camiño do Litoral.

Tras explicar que “as obras previstas ao longo de todo o itinerario pola costa se dividirán en dúas fases”, a responsábel autonómica indicou que “no marco da primeira que comeza agora, foron incluídas aquelas consideradas máis urxentes e prioritarias”. En concreto, serán 20 intervencións en 16 concellos que resolverán as necesidades máis urxentes mediante intervencións concretas en arredor de 30 quilómetros do trazado.

A conselleira insistiu en que gran parte do itinerario polo que discorrerá o futuro Camiño do Litoral para conectar toda Galicia pola costa “non requirirá intervencións significativas por parte do seu departamento”.

De feito, sinalou que “o 90% do trazado discorre por rutas ou camiños consolidados, zonas urbanas en bo estado ou outras tipoloxías de infraestruturas xa existentes, mentres que o 10% restante necesitará actuacións puntuais e específicas para garantir que sexan transitables e a continuidade da propia ruta”.

Os traballos previstos consistirán “en labores de limpeza e roza, mellora da drenaxe dos camiños, adecuación de firmes e outras obras similares, en función das necesidades de cada lugar”.

Ademais, tamén se procederá á apertura puntual de novos tramos para asegurar a continuidade do percorrido e evitar aqueles puntos que poidan comprometer a seguridade dos usuarios ou fagan menos funcional o percorrido.

Neste sentido, Ángeles Vázquez considerou que a intervención prevista en Outes representa, precisamente, “o modelo de actuación respectuoso” que quere impulsar a Xunta co Camiño do Litoral, apostando pola integración paisaxística e a recuperación de sendas “que forman parte da memoria e da identidade dos territorios costeiros”.

En particular, explicou que neste caso se trata dun tramo público dun camiño tradicional que conectaba historicamente Riba de Mar e Seilán e que agora será acondicionado cunha inversión de 9.500 euros para devolverlle a súa funcionalidade e transitabilidade.

Actuación estratéxica da Lei do litoral

O Camiño do litoral pretende enlazar espazos de elevado valor paisaxístico con núcleos habitados, funcionando como un corredor territorial continuo que mantén a maior parte do tempo unha relación visual directa co mar.

O fin último é amosar que o litoral galego está vivo e conxuga esa protección do patrimonio cultural e ambiental coa actividade económica e social, un dos piares básicos da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que regula o exercicio pleno das competencias sobre a costa.

De feito, na propia norma recóllese como actuación estratéxica o impulso da creación dunha senda ou rede de sendas ao longo dos espazos terrestres do litoral. O obxectivo é poñer en valor a riqueza natural, cultural, etnográfica e arquitectónica dos seus 2.555 quilómetros de costa —caracterizada pola súa gran variedade de paisaxes e unha biodiversidade moi extensa e na que viven máis de 1,5 millóns de persoas—, mediante a unificación de sendas litorais xa existentes e tramos diferenciados da costa con características paisaxísticas, morfolóxicas e patrimoniais propias.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caldaloba”, de Xosé Otero Canto”. Xulio Xiz

“Caldaloba”, de Xosé Otero Canto”. Xulio Xiz

Tiven a honra de presentar o acto que en Cospeito se celebrou arredor de  “Caldaloba”, drama histórico en verso do poeta e profesor Xosé Otero Canto.        Foi, á vez, un placer inmenso estar en Cospeito, rodeado de amigos que saben,  eu que só poido intuir e sentir...

“Caldaloba”, de Xosé Otero Canto”. Xulio Xiz

“Ofrenda” – Xulio Xiz

Celebrouse unha nova Ofrenda solemne do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo. Cumpríronse 357 anos da súa institución, e cada ano as sete cidades do antigo Reino, seguen a xuntarse en Lugo – corazón do país – para honrar ao Santísimo e...