O PSOE de Rianxo, a través do seu voceiro, Óscar Rial, emitiu un comunicado no que traslada o seu apoio ás veciñas e veciños de Abuín, que, segundo lembran os socialistas, “levan anos agardando por unhas actuacións comprometidas polo Goberno municipal que continúan sen executarse”. No comunicado o PSOE local di que “Abuín segue pendente tanto do asfaltado comprometido como da instalación de puntos de luz necesarios para mellorar a seguridade e a calidade de vida da zona, trátase dunha realidade que consideran inxusta para unha parroquia que leva tempo reclamando atención e respostas”. Dende o PSOE de Rianxo solicitan que “no vindeiro mes esta situación poida quedar resolta, executando tanto o asfaltado como os puntos de luz comprometidos, e rematando así cunha espera excesivamente prolongada”.
Do mesmo xeito, demandan ao Goberno municipal que “faga público de inmediato cal será finalmente o tramo de Abuín incluído nesta actuación, para que a veciñanza saiba con claridade se as súas peticións foron atendidas”.
Os socialistas din que “hai residentes que chegaron a presentar a mesma solicitude por rexistro ata en catro ocasións, sen obter ata o momento unha resposta clara nin definitiva”.





