O escritor Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) foi distinguido este luns 14 de abril co prestixioso Premio O. Henry 2026 polo seu relato A lebre (The Hare, na tradución ao inglés de Jacob Rogers). O conto forma parte do seu primeiro libro, A parte fácil (Xerais, 2023), e foi publicado pola revista estadounidense The Common en marzo de 2025.
O palmarés, que se facía público a través do medio especializado Literary Hub, inclúe tamén este ano traballos de Samanta Schweblin, Colm Tóibín ou Catherine Lacey.

Con este recoñecemento, Ismael Ramos convértese no primeiro autor do Estado español en obter este galardón, considerado un dos máis importantes no ámbito do relato breve a nivel internacional.
O Premio O. Henry, que toma o seu nome do escritor estadounidense O. Henry (pseudónimo de William Sydney Porter), distingue cada ano contos de gran calidade literaria publicados en revistas en lingua inglesa dos Estados Unidos e Canadá. Os premios concédense desde 1919 e contan cunha sólida tradición na promoción do xénero breve.
Desde 2021, un editor convidado é o encargado de seleccionar os vinte contos premiados, que se recollen na antoloxía The Best Short Stories: The O. Henry Prize Winners, publicada nos Estados Unidos pola editorial Vintage. Neste 2026, a persoa elixida para realizar a curadoría foi o novelista Tommy Orange, finalista do Premio Pulitzer e gañador do American Book Award.
O palmarés recente do premio inclúe destacadas figuras da literatura contemporánea como Olga Tokarczuk, Cristina Rivera Garza, Sally Rooney ou Emma Cline. Ao longo da súa historia, tamén recoñeceu autores fundamentais da literatura en lingua inglesa como William Faulkner, Flannery O’Connor, Eudora Welty, John Cheever, Raymond Carver, Truman Capote ou Alice Munro.
A parte fácil, primeira obra de narrativa de Ismael Ramos, quen fora galardoado en 2022 co Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández polo seu poemario Lixeiro, foi traducida e publicada en castelán pola editorial Las Afueras e en catalán por Angle Editorial.
En palabras de Xerais, “este recoñecemento internacional sitúa a Ismael Ramos como unha das voces emerxentes máis destacadas da narrativa breve contemporánea e supón un fito para a literatura galega no ámbito internacional”.




