O Concello de Ribeira puxo en marcha este mes de abril o programa Matria, destinado a crear unha rede de apoio e fomentar a interacción social. Dirixido a mulleres e co-financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e a Unión Europea, foi concibido como un espazo de encontro, apoio mutuo e sororidade, segundo confirmou o Concello, engadindo que estamos ante “un punto de encontro seguro e autoxestionado que se estrutura na creación de comunidade; inclusión; prevención e protección; e crecemento”.
Segundo explica o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, con este novo servizo “achegamos máis prestacións á cidadanía de Ribeira, desta vez, poñendo o foco nas mulleres cunha acción onde poden saír da rutina e situación de illamento para conectar con outras mulleres compartindo experiencias e onde teñen opción de facer propostas segundo a dinámica e intereses de cada un dos grupos que se forme”.
Esta nova actividade de balde para as participantes entrou en funcionamento no 16 de abril e desenvólvese tódolos xoves en horario de tarde, nas aulas de Cristóbal Colón.
As inscricións permanecen abertas a través do teléfono de contacto 981 377 231 ou no enderezo electrónico fernanda.cores@ribeira.gal.




