O Concello de Noia informa da celebración da Festa do Maior, que terá lugar o vindeiro domingo 26 de abril no Polideportivo Alonso Rodríguez. A xornada consistirá nun xantar de convivencia acompañado de animación musical, pensado para fomentar o encontro e o lecer entre as persoas maiores do municipio.
Esta iniciativa está organizada pola Asociación Club de Pensionistas de Noia, contando coa colaboración do Concello de Noia, nunha aposta conxunta por promover actividades que recoñezan o papel fundamental das persoas maiores na sociedade.

As inscricións poderán realizarse este luns e martes (13 e 14 de abril) no local do Club de Pensionistas, situado na praza do Tapal de Noia. O horario será de 10:00 a 12:00 horas pola mañá e de 17:00 a 19:00 horas pola tarde. Poderán anotarse todas aquelas persoas maiores empadroadas no concello. O custo da actividade será de 15 euros, que deberán aboarse no momento da inscrición.
A concelleira de Servizos Sociais, Sandra González, destacou a importancia desta celebración, sinalando que “para nós é fundamental celebrar aos nosos maiores e, por suposto, estarlles agradecidos polo que hoxe temos”. Ademais, animou “a todos e todas as maiores de Noia a achegarse e participar desta festa tan importante”, subliñando o valor destes espazos de encontro e convivencia.






