A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou na mañá deste domingo 5 de abril na Procesión de Xesús Glorioso, que percorreu as rúas do Porto do Son. No acto, estivo acompañada polo alcalde deste municipio, Luis Oujo.

A procesión comezou na capela da Atalaia e ao seu paso pola praza de España representouse o Encontro de Resurrección entre as imaxes de Xesús Glorioso e da Virxe María. Os asistentes realizaron o percorrido que pasou pola rúa da Igrexa, Camiño Novo, praza de España, Trincherpe, avenida de Galicia e rúa da Igrexa. A procesión rematou na igrexa parroquial de San Vicente de Noal, onde tivo lugar unha misa.




