
Se a guerra en Oriente Medio atopara nos vindeiros días unha saída válida para considerar que era chegado o momento de asinar un acordo de paz entre as partes en conflito que chegara a acadar o cualificativo de “definitivo”, consideraría Donald Trump a posibilidade de recibir, por dereito de seu, o premio Nobel da Paz en 2027?.
Coma ególatra que é, nada sorprendería. Mais coido que tal posibilidade está moi lonxe de se producir e que Trump deberá acariñar nos seus momentos de tranquilidade a copia que a candidata á presidencia de Venezuela tivo a ben doarlle para que deixara de laiarse por non posuír tal distinción.
Sexa como fose, o presidente ruso Vladimir Putin é, agora mesmo, unha figura na sombra que soubo xogar as súas cartas neste eterno desencontro no que Israel, da man de Netanyahu, levou a boa parte do mundo -nomeadamente a Europa, Oriente Medio e Estados Unidos de América- á que semellaba ser unha guerra moito máis ampla que a desenvolvida neste último período en Irán e Líbano.
Actualmente Teherán garante a plena apertura do estreito de Ormuz durante a tregua con Israel e mentres, EUA prolonga o bloqueo dos buques iranianos ata que se subscriba o acordo de paz. Ata tanto, Israel asegura que “manterá e seguirá a manter todos os territorios que liberen e ocupen”.
As tropas israelís permanecen na franxa de ata 10 quilómetros no sur do Líbano, onde estarán durante os 10 días de tregua e seguirán “eliminando a infraestrutura terrorista, incluíndo a destrución de vivendas”. Mentres, milleiros de persoas tentan regresar aos seus fogares no sur de Líbano, e España, xunto con Irlanda a Eslovenia, demandan da Unión Europea a revisión do acordo de asociación con Israel.
Consecuentemente con esta situación, o prezo do petróleo caeu un 10% por baixo dos 100 dólares o barril e o gas baixou o seu arredor dun 8% á vez que repuntan os índices bolsistas europeos.





