“Desatracar o ‘Marqués de Comillas’ cunha muleta” – Antón Luaces

10 Abril 2026

Juan Ujía era un viciño de Bandourrío (Ribeira) moi dado a filosofar en faladoiros como as que mantiña Manolo Cabanelas  na súa perruquería de cabaleiros da rúa Manzanares, cabo da tenda de ultramarinos que rexentaba a propia nai do perruqueiro.

Juan Ujía contou nunha ocasión, sentado na cadeira de barbear que, estando na Pedra Pateira, contemplou como  se formaba un inmenso banco de néboa procedente da Ameixida, vía O Touro, que engulía Fontán e que produciu nel un certo medo porque, segundo un dos asistentes naquel faladoiro, Ujía afirmou que era tal cal el imaxinaba o inferno.

Juan armou os trebellos de camiñar (un bastón e unha muleta) e fixou rumbo cara a fábrica de conservas de Cerqueira. Máis cando ergueu o cú da laxe na que estaba sentado, anunciou con todo tipo de exercicio corporal, decatouse de que a brétema era consistente por demais e que bruaba, María Santísima, como o podería facer unha alma en pena  nos lumes do inferno.

Acolloado pola súa invalidez para a autodefensa naquelas circunstancias, o gran Juanito Ujía ergueu a muleta, ameazante e berrando: “Vaite bretema, que te escarallo!”. 

Coma se nada. Aquel monstro víñalle enriba. E polo que puidera pasar, Ujía mandoulle un mandarriazo de moito carallo que, ouh sorpresa!: deixou ao descuberto un mastodóntico barco. Nada menos que o “Marqués de Comillas”, flamante buque-correo procedente de Vilagarcía con destino a Xixón, ao que empurrou Juanito coa muleta para que non embarrancara fronte a taberna das Caseiras, nas rochas da Pedra Pateira. “Botín fóra dalí ao mesmísimo Marqués de Comillas  e nen chistou, carallo, do acolloado que estaba o capitán!”.

Cabanelas ría que escachaba. Ramón “O Fandolo” non daba creto. Marcial abría os ollos, incrédulo. E Juanito Ujía, recollendo os seus bártulos anunciaba que ía relatar o acontecido a don Juan Emilio Álvarez de Prado, colaborador do xornal vigués O Pobo Galego para que publicara o acontecido.

Publicar non se publicou no Pobo Galego, mais a difusión do narrado foi moi ampla e todo deus recoñeceu en Ribeira que o relato era digno de o repetir na de Paquito aló polo mediodía, que era cando máis clientela había. Manolo “O Sucuruco” levou a conto a Padín, e Josué, o xastre, asegurou que o relato era digno de figurar nas antoloxías de don Carlos García Bayón.

“Cousas de Juanito Ujía”, sentenciou “O Marqués”, preparando un  disfrace para o próximo entroido. Isidro de Sofía botou unha gargallada, enleou un pitillo e moveu de sitio unha caixa de tranchos que tiña á sombra na antiga fábrica de salga onde gardaba os aparellos dos barcos da familia.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...