Chegan ao seu remate as Residencias Artísticas Mariñán 2026, coa presenza da sonense Leticia Mayán

24 Abril 2026

O Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolleu este venres 24 de abril o acto de despedida das Residencias Artísticas Mariñán 2026, convocadas pola Deputación da Coruña, nun encontro no que participaron a deputada de Cultura, Natividade González, así como as persoas comisarias e participantes das diferentes residencias, que compartiron a súa experiencia e o desenvolvemento creativo dos seus proxectos. Entre elas estaba Leticia Mayán, de Porto do Son, co proxecto Adochinto.

A edición que agora remata, iniciada o pasado 13 de abril, foi a que contou cun maior número de proxectos seleccionados, pasando dos oito en 2025 aos quince nesta convocatoria, consolidando así este programa como un espazo de referencia para a creación contemporánea.

Durante o acto, púxose en valor o papel destas residencias como espazo de apoio aos procesos de creación, ofrecendo tempo, espazo e acompañamento ás persoas participantes para desenvolver os seus proxectos en condicións axeitadas.

A deputada enxalzou o gran talento das persoas participantes nas residencias e salientou a profesionalidade das persoas comisarias, Roberto Abuín (literatura e pensamento), Aitana Cuétara (música) e Xiana Iglesias (creación de contidos socioculturais en redes).

Residencia de música

Na modalidade de música participaron O Xoán Faiado (Xoán Fórneas), Gallaecia Ensemble Barroco (María José Pámpano López, Mario Braña Gómez, Elena Vázquez Ledo, Saúl Puga Amoedo, Roberto Alonso Álvarez e Marta López Fernández), Tránsito (Daniel Pardo Maroño e Carlos Guerrero Bullejos) e PAVA (Lucía Aldao, Diego Delgado, Pablo Silva e David Santos).

Residencia de literatura e pensamento

Na de literatura participaron Javier Humberto Rodríguez Alonso, co proxecto Nunca morreramos tan xuntos, e Petra Iglesias Gallego, con Disforia: unha mancha de pel allea, desenvolveron as súas propostas, mentres que na de pensamento participaron Cristina Rodríguez Barrado, con PIM PAM PUM: un entroido!, e Carlos Fernández López, con Curvas e pregos. Escuma ou Crinas.

Creación de contidos

Na área de creación de contidos socioculturais en redes sociais desenvolvéronse os proxectos CienciA: catro pioneiras galegas, de Yeray Folgar Cameán; Cultura ao descuberto, de Candela Lola Battiato Miñones; carlotaghatos, de Carlota Casal Ramos; Séculos Escuros, de Laura Villar Loureiro; e Adochinto, de Leticia Mayán Rodríguez.

Valoracións das comisarias

O comisario das residencias de literatura e pensamento, Roberto Abuín, puxo en valor que “existan este tipo de espazos no noso país” e destacou que a convivencia ao longo de varios días favorece que “dáse convivencia artística, intelectual, créanse amizades, técense redes, algo que é o que levamos dentro cando saímos”.

Aitana Cuétara salientou a importancia de contar con “eses procesos que tamén permitan o erro, para que poñan a súa creatividade diante e, se non funciona, que o volvan tentar”, mentres que Xiana Iglesias definiu as residencias como “un bo espazo no que poder profesionalizarse un pouquiño máis”, ademais dun lugar “marabilloso para se xuntar, desvirtualizar, crear sinerxías”.

Leticia Mayán

Entre as participantes figuraba Leticia Mayán Rodríguez, natural do Porto do Son e residente en Santiago. A súa presenza nas residencias vén dada polo seu proxecto Adochinto, dentro da residencia de creación de contidos socioculturais en redes sociais. Leticia graduouse en Historia pola Universidade de Santiago e vén de rematar un mestrado en Historia Contemporánea. O seu proxecto chámase @adochinto por ser o alcume do seu avó materno. Tivo a súa orixe nun vídeo sobre os Mártires de Cans, segundo relata El Correo Gallego nunha reportaxe recente. Para quen non o saiba, coñécese como os Mártires de Cans ou de Nebra os cinco labregos locais abatidos a tiros por axentes da Garda Civil na ponte de Cans, na parroquia de Nebra (Porto do Son) o 12 de outubro de 1916. Mobilizáranse, movidos pola Liga Agraria de Nebra, contra un imposto que crían inxusto. Leticia supera xa os 10.000 seguidores entre Instagram e TikTok.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...