“Balbino está (felizmente) morto”. Xosé Antonio López Silva

23 Abril 2026

Hai uns días, a miña irmá —que lles le en voz alta ás súas fillas cada noite— comezou Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. Na seguinte xornada, a miña sobriña maior preguntou: “Mamá, vasnos seguir a ler a historia dese neno medieval?”

Cando se fala desta novela, adoita facerse desde a evidencia do seu éxito: Memorias… foi durante máis de dúas décadas o libro máis lido da literatura galega contemporánea. Publicada en 1961 en Arxentina e sete anos despois en Galicia, constrúe a voz dun neno de aldea que medra nun mundo de pobreza, traballo e silencios. Non é só unha historia individual: Balbino, ese rapaz, “coma quen di, un ninguén”, representa unha Galicia rural marcada pola desigualdade, o maltrato, a dureza da vida cotiá e a emigración como horizonte permanente de soño, de refuxio ou de fuxida.

Durante moito tempo, esa realidade non era literatura, senón experiencia compartida. Ler o libro era recoñecerse nese mundo ou recoñecer a quen formara parte del e das nosas vidas.

Co paso dos anos, e na lóxica da propia evolución literaria, foi diminuíndo o número de lectores. Memorias deixou de ser novela de lectura obrigatoria no ensino e cerne no sistema cultural galego. Para ese cambio foi clave a transformación sociopolítica do país e a súa modernización. Pero a implantación da Autonomía en 1981 marcou algo máis, moi difícil de apreciar: unha afirmación institucional que acabou por construír un cambio profundo respecto da maneira de ser e de percibirse Galicia, que aínda segue vixente.

Memorias dun neno labrego cedeu o paso a novos xeitos de facer literatura a partir dos 80, e deixou de funcionar como texto de identificación para se converter, sobre todo, nun texto de lembranza. A obra non perdeu valor literario nin forza simbólica, pero si a condición de experiencia inmediata, individual e colectiva. A pobreza estrutural, o traballo infantil ou a falta de expectativas deixaron de formar parte do horizonte vital da maioría dos lectores, porque xa deixaran de estar no país. A Galicia que preto da fin do XX e ata hoxe pode ler a Balbino xa non é, afortunadamente, a Galicia de Balbino.

Hai uns meses Memorias dun neno labrego volveu ao primeiro plano coa segunda adaptación teatral que desta volta fixo Cándido Pazó para o CDG. A versión, modélica, está mergullada nun sentido do humor que fai máis soportable a historia. O final medianamente feliz supón a afirmación de que ese mundo do neno labrego está enterrado. 

O escolla do CDG acentúa a importancia de botar a vista atrás. Creo que o éxito masivo da novela en décadas pasadas non era só literario; era o consolo de quen se miraba nun espello mentres tentaba fuxir del. Balbino era a crónica dun mundo que deveciamos por superar activamente. Para que Galicia fose moderna, urbana e autonómica, para que fose o que queriamos ser, tiñamos que prescindir de Balbino. Matar a Balbino.

Esa modernización acelerada esixía un cambio de paradigma tan profundo que non admitía a vixencia daquel neno labrego nin como recordatorio vivo. Por iso hoxe, cando o vemos no teatro ou o lemos as fillas pola noite, facémolo, conscientes ou non, desde esa distancia de seguridade que nos dá o pasado pechado.

Ao final, que a miña sobriña o sinta como un personaxe dun tempo remoto é o sinal definitivo do noso éxito como país, pero tamén a proba dun dos nosos maiores esquecementos: a miseria daquel rural e a necesidade de fuxir dese mundo para poder vivir, como fixo Balbino. Cando se acenden as luces do teatro, Balbino volve morrer unha vez máis.

Xosé Antonio López Silva

Outros artigos

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...