
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua, apoiará a promoción do galego nas entidades locais a través da nova liña de subvencións dotada con 350.000 euros. O obxectivo desta medida é impulsar e fomentar os servizos lingüísticos tanto en concellos como en agrupacións.
A convocatoria, cuxo prazo de solicitudes estará aberto ata o 7 de maio, está “dirixida a fomentar a prestación dun servizo lingüístico, ben mediante a súa creación ou a través do reforzamento dun xa existente”.
En palabras da Secretaría, a iniciativa responde “ao compromiso do Goberno autonómico co apoio ás entidades locais no labor de normalización lingüística, en liña coas medidas incluídas no Pacto pola Lingua”.
Ás axudas poden concorrer as propostas encamiñadas á creación e posta e marcha dun servizo lingüístico, habilitando deste xeito un departamento técnico inserido na entidade local co fin de planificar, xestionar, executar e avaliar medidas, accións e actividades dinamizadoras co obxectivo de incrementar o uso da lingua galega en todos os seus ámbitos de actuación, tanto a nivel interno como externo.
A achega tamén será de aplicación cando se trate de manter un servizo xa existente no concello dándolle continuidade ás súas iniciativas ou reforzándoo de maneira que se poida atender a necesidades como a incorporación de máis persoal técnico.
No que ten que ver cos proxectos obxecto da subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, deben ser aqueles que impliquen a realización de accións e campañas de dinamización lingüística ben en formato material, como pode ser libros, audiolibros, xogos, ou representacións artísticas, ou ben no eido dixital como as propostas baseadas en soportes electrónicos, na web ou nas redes sociais.





