
Só 8 das 63 confrarías de pescadores existentes en Galicia ven minimamente atractivo o proxecto estrela da Consellería de Pesca da Xunta para a dixitalización do sector do mar. Unha acollida “mínima” como resposta deste sector, que evidencia, segundo o portavoz de Pesca do Grupo Socialista no parlamento galego, que tal proxecto non é máis ca unha “estratexia de propaganda da Consellería, sen base real”.
Na comparecencia de onte do director xeral de Pesca, o socialista Carlos López Font fixo fincapé no pouco atractivo que o devandito proxecto resulta para os profesionais galegos da pesca, sinalando que o Xesmar non agrupa nen a un 12% dos pósitos da comunidade autónoma de Galicia.
Tampouco as mariscadoras deron unha boa acollida ao Xesmar, o que demostraría, segundo López Font o fracaso do goberno galego á hora de lle dar resposta ás necesidades do sector, o que confirma que responde a unha “estratexia de propaganda da Consellería sen base freal”.
Reclamou o voceiro socialista unha dixitalización “xusta, gradual e con apoio público” que consolide este proceso coma motor de modernización, pero acompañado de axudas para a transición dixital e adaptado ás particularidades do sector artesanal, que non se debe ver prexudicado polo novo escenario”.
Para o portavoz do grupo socialista, cómpre defender a dixitalización como ferramenta para reforzar o liderádego do sector, xerar emprego cualificado e integrar novas tecnoloxías ao sector con plenas garantías para aproveitar ao máximo os beneficios que pode aportar nomeadamente na innovación, a mellora da comercialización e o incremento da competitividade da pesca galega.
A Xunta salienta o impacto da dixitalización no pulo da competitividade do sector pesqueiro e afirma que máis de 8.000 usuarios empregan Trazamar, a ferramenta que mellora a xestión e o control dos produtos pesqueiros e que conta con máis de 46.000 accesos.
O director xeral de Pesca, Isaac Rosón mencionou un plan de 25 millóns de euros a curto prazo para mitigar o impacto da incertidume xeopolítica e o aumento dos custos enerxéticos.





