Entre eles a rehabilitación e mellora enerxética da Casa Consistorial de Ribeira e rehabilitación de vivenda en Seaxe en Rois
A arquitectura galega volve situarse no panorama estatal coa selección de 13 proxectos para os Premios ARQUITECTURA 2026, convocados polo Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España, nunha edición que recoñece propostas comprometidas cos valores sociais, patrimoniais e ambientais.
Os galardóns, que contan co patrocinio de COMPAC®, celebran a súa quinta edición e afrontan agora a segunda fase tras escoller 209 traballos dun total de 534 propostas presentadas. O fallo final darase a coñecer o vindeiro 9 de xuño en Madrid.

En total, 38 proxectos galegos optaban inicialmente aos premios, dos que finalmente foron seleccionados 13 polo comité designado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, destacando pola súa calidade e pola súa capacidade para integrar innovación, sustentabilidade e respecto pola contorna.
Entre as propostas na categoría de edificación figuran actuacións como a Casa 2M e medio en Santiago de Compostela; a rehabilitación das carpinterías de ribeira de A Seara en Moaña; A Cormelá en Corme (Ponteceso); ou a intervención no edificio de Marqués de Valladares en Vigo. Tamén se inclúen o Centro social de Goiáns en Carballo, a nova sede da Corporación Hijos de Rivera en Arteixo, a rehabilitación dunha vivenda en Seaxe (Rois) e a piscina de O Couto en Narón.
Na categoría de innovación foi seleccionada a rehabilitación e mellora enerxética da Casa Consistorial de Ribeira, mentres que en rexeneración urbana destaca o Centro Social Muimenta en Carballeda de Avia. A investigación “Lectura dun territorio atlántico en Galicia” figura na área de divulgación, ao tempo que o Plan Básico Municipal do Concello de Porqueira representa a categoría de planeamento urbano e territorial. Completa a lista o proxecto Internalities, desenvolvido en Venecia, na categoría de arquitecturas efémeras.
Desde o COAG sublíñase que o conxunto das propostas galegas reflicte unha arquitectura que responde ás demandas contemporáneas, integrando novos usos e formas cunha especial atención ao respecto pola contorna. Trátase de proxectos que abranguen desde intervencións domésticas ata grandes actuacións, todos eles cunha clara vocación de coidado do territorio e das persoas.
A selección pon de manifesto o papel de Galicia como referente dunha arquitectura sensible e comprometida, capaz de dialogar coa paisaxe e co patrimonio ao tempo que incorpora solucións innovadoras e sostibles.

Entre os finalistas dous da comarca :
-Casa Consistorial de Ribeira, de José Carlos Seoane González
O xurado tivo en conta a acertada proposta para a mellora enerxética radical mediante unha “dobre pel” activa que funciona como galería atlántica en inverno e cheminea de ventilación natural en verán, transformando un edificio público sen carácter especial nun referente de eficiencia cultural cunha linguaxe neutra e propositiva.
-Rehabilitación de vivenda en Seaxe (Rois), de Mateo García López e Pablo Midón Vidal
O xurado observa as conviccións que o exercicio de reutilización do lugar propón combinado por usos, técnicas e materiais tradicionais traballados mediante procesos tecnolóxicos avanzados que tampouco se afastan máis do necesario do artesanal. Mellora a habitabilidade no rural mantendo a esencia estética do lugar mediante unha execución que evita os grandes efectos.





