A plataforma Queremos Galego vai organizar a vindeira semana un acto comarcal para reivindicar máis medidas prácticas e urxentes que garantan o pleno uso da lingua a todos os niveis e poñan freo ao devalo da súa presenza nas escolas e entre as novas xeracións (principalmente).
A cita contra a emerxencia lingüística será este mércores 11 de marzo ás 20.00 horas no Edificio do Casino de Noia. Encádrase no programa de actos que se están realizando por todo o país, de cara á asemblea do sábado 14 na Quintana, na que se presentarán as conclusións do proceso Lingua Vital Xa!
Contarase coa presenza de Rogelio Santos Queiruga, portavoz da plataforma Queremos Galego na ría de Muros e Noia; Maitane Vicente, propietaria da Libraría Social ULA, da Serra de Outes; e Marcos Maceiras, voceiro da plataforma Queremos Galego.
O acto rematará coa música de Os Troulas da Barquiña e uns petiscos.




