O Concello de Ribeira convoca a 5ª edición do concurso escolar de deseño de marcapáxinas

18 Marzo 2026

A Biblioteca Municipal de Ribeira lanzou a quinta edición do concurso escolar de deseño de marcapáxinas, dirixido a promover a creatividade artística e plástica entre o alumnado de primaria dos centros educativos do municipio a través da elaboración dunha ilustración relacionada coa dinamización lectora.

“Este certame sirve como antesala á celebración do Día Internacional do Libro que se conmemora no 23 de abril. Mediante esta proposta queremos involucrar á comunidade educativa para, a través dunha actividade artística, contribuír a inculcar o hábito lector entre a rapazada. E, ao igual que sucede coa lectura, no deseño destes marcapáxinas incentivarase a súa creatividade; unha inventiva que marcará as páxinas nos libros dos lectores de Ribeira”, en palabras da concelleira de Educación, Nucha Brión.

A edil aproveitou a ocasión para lembrar de que esta instalación municipal acolle periodicamente mostras de libros que seguen unha temática concreta, estando actualmente dedicada á banda deseñada e, en vindeiras datas, haberá outras novas sobre poesía e teatro.

Pola súa parte, o bibliotecario Xoán Fernández precisou que este concurso busca tamén outorgar “gran protagonismo” á rapazada, pois, actualmente, o 35% das persoas usuarias da biblioteca ribeirense son menores de 14 anos.

O premio consistirá nun lote de libros e nun diploma, se ben tamén se imprimirá ese deseño en formato de marcapáxinas para repartir dende a Biblioteca Municipal. Ademais, elaborarase unha exposición con tódolos debuxos participantes.

Participación no concurso

Poderán participar tódolos nenos e nenas de Primaria dos colexios de Ribeira, con debuxos orixinais e inéditos relacionados coa lectura, o libro ou a biblioteca. Se levan texto, deberá estar escrito correctamente en galego.

Os deseños deberán ir asinados cun pseudónimo e ser entregados na Biblioteca Municipal ou no Servizo de Normalización Lingüística, ambos situados no Centro Cultural Lustres Rivas. Acompañarase un sobre pechado dentro do cal deberá figurar o nome de cada participante xunto co correspondente pseudónimo utilizado e curso (pode acompañarse dunha soa plica onde se recollan os datos de todo o alumnado dunha clase en forma de táboa). O xurado estará composto por persoal municipal dos departamentos de Cultura e de Educación e a súa decisión será inapelábel.

O prazo de admisión de obras estará aberto ata o vindeiro 15 de abril.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...