O Concello de Noia reorganiza a nave de Portobravo, cun aforro anual de 9.000 euros

06 Marzo 2026

Nos últimos meses, e aproveitando os episodios de choiva máis intensa, o Concello de Noia puxo en marcha un importante traballo de recuperación e posta a punto da nave municipal alugada en Portobravo, un espazo que, debido ao estado no que se atopaba, dificultaba mesmo o tránsito polo seu interior e “que precisaba dunha intervención a fondo”, segundo informou o Goberno local.

Os equipos municipais de Obras, Medio Ambiente e Auga levaron a cabo unha limpeza integral e unha reorganización completa da instalación. O obxectivo era “recuperar un espazo de traballo útil, ordenado e funcional para os servizos municipais”, informaron fontes do Consistorio.

O Concello engadiu que unha das melloras máis relevantes foi a habilitación dun habitáculo específico para a descarga de restos de poda e outros residuos vexetais. “Grazas a esta reorganización do espazo, optimízase o funcionamento do servizo e redúcese de forma notable o uso de contedores de carga e descarga”, informou a Administración local, sinalando que esta medida permitirá que os portes se realicen “cun único camión, o que supón un aforro estimado de arredor de 9.000 euros anuais para as arcas municipais”.

Trátase dun exemplo claro de como unha mellor organización dos recursos públicos pode traducirse en máis eficiencia e menos gasto.

Durante os traballos tamén se recuperaron diversos materiais que permanecían almacenados na nave, entre eles estruturas metálicas que se reutilizarán para pequenas obras de mellora en instalacións municipais. Ademais, distintos elementos relacionados co medio ambiente que estaban amoreados na instalación serán repartidos entre a veciñanza para que poidan ter unha segunda vida.

“Con pequenas actuacións como esta, seguimos avanzando nun modelo de xestión baseado na orde, a eficiencia e o aproveitamento responsábel dos recursos públicos, porque cada euro que aforramos é un euro que pode volver á veciñanza en forma de servizos e melloras para Noia”, concluíron dende o Concello .

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.