
O rei de España Felipe VI recoñeceu que a conquista de América tivo “moitos abusos”, unha exposición ou comentario que concorda coa opinión da inmensa maioría dos historiadores e políticos españois de esquerda, tamén os nacionalistas que, sen embargo, non comparten os máximos dirixentes do PP e VOX.
O comentado polo monarca español o pasado luns caldeou notablemente o ambiente político e centrou as discusións no acontecido no século XVI: para Núñez Feijoo a reflexión do rei de España realizada ao abeiro do cumio iberoamericano a celebrar en España o vindeiro mes de novembro, foi un “disparate” porque non se pode “examinar” no século XXI “as cousas que ocorreron no século XV”.
O presidente nacional do PP está “orgulloso do legado hispano en Hispanoamérica”, e recoñeceu que as verbas do monarca pronunciáronse no marco dunha exposición e, polo tanto, “non constitúen un discurso institucional”.
Vai uns anos tiven a oportunidade de viaxar a distintos países hispanoamericanos e entrevistar para o programa de Radio 5 (RNE) “Pasión por América” a persoeiros da vida cultural de Cuba, Venezuela, Arxentina, Chile, Bolivia e Uruguai. Na súa apreciación, concordante coa do rei de España, si se produciron eses abusos dos que falou Felipe VI. E, ao mesmo tempo, recoñecían o importantísimo legado que a eses e outros países -entre estes ao actual Estados Unidos de América- deixou España en materias hoxe en día vixentes, como vixentes están en España aspectos americanos que na actualidade asumimos como propios.



