As obras de humanización e renovación dos servizos básicos da rúa Real de Muros (Fase II) entran na súa última etapa. Esta actuación supuxo un investimento de 240.000 euros.

“Durante o mes de febreiro desenvolvéronse actuacións significativas nas distintas redes e servizos incluídas no proxecto, e continuou a demolición dos pavimentos existentes, apertura de caixas e compactación de fondos”, explicou Laura Rivadeneira, concelleira de Obras de Muros.

Polo que respecta á rede de abastecemento, instaláronse tubaxes de PEAD, válvulas de comportas, acometidas domiciliarias, as arquetas e os hidrantes.
No saneamento, procedeuse á escavación e recheo de gabias (zanxas), colocación de tubaxes, reposición de acometidas e conexión a pozos de rexistro.

No apartado das augas pluviais, fixéronse as conexións a sumidoiros e as arquetas precisas. Avanzouse tamén na reposición de servizos urbanos como a enerxía eléctrica, telecomunicacións ou alumeado público.

“Esta semana comezaron a instalar a pedra; a rúa levará unha pedra central ancha para facilitar a accesibilidade e chapacuña, porque así o recolle o Plan Especial de Protección do Conxunto Historico Artistico de Muros”, engadiu Rivadeneira.



