Anxo Arca impulsa a creación dun “triángulo da camelia” con Vedra e Salceda na inauguración da X Exposición da Camelia e do Bonsái

22 Marzo 2026

O Convento do Carme acolleu esta fin de semana a X Exposición da Camelia e do Bonsái, unha cita que celebra a súa primeira década de vida consolidada, en palabras do Concello (organizador) “como un dos eventos máis representativos do calendario botánico e cultural de Galicia”. A mostra, que reuniu arredor de 70 expositores de toda a comunidade, serviu “para poñer en valor a excelencia ornamental desta flor e estreitar lazos institucionais entre concellos vinculados á súa tradición”, engadiron dende a organización

O acto inaugural, celebrado o sábado, estivo presidido polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, quen estivo acompañado pola alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e a concelleira Mariló Saco. Durante a súa intervención, o rexedor padronés explicou que Padrón e Vedra xa están irmandados arredor da camelia, do mesmo xeito que Vedra e Salceda de Caselas, polo que trasladou a vontade de avanzar cara a unha colaboración conxunta entre os tres municipios para completar o chamado “triángulo galego” desta flor.

Segundo apuntou Arca, “Vedra e Padrón xa están irmandadas arredor da camelia e o desexo é que Salceda de Caselas se sume tamén para completar o triángulo galego desta flor e camiñar xuntos na súa divulgación”.

Un dos momentos máis emotivos da inauguración foi a homenaxe ao coleccionista Ramón Abalo, referente no cultivo da camelia e exemplo de dedicación e paixón por esta especie. Cunha colección única de centos de variedades, o seu traballo converteuno nunha figura moi recoñecida neste ámbito, polo que o recoñecemento supuxo un sincero xesto de gratitude colectiva cara á súa traxectoria.

Xa pola tarde celebrouse a entrega de premios, que puxo en valor o coidado e a excelencia das coleccións participantes nesta décima edición:

Premio Orixe Galega: Eusebio López

Premio á mellor composición artística: Joaquín Bello

Camelia híbrida: Ramón Abalo

Camelia reticulata: Abelardo Barcala

Outras especies de camelia: Juan José Castro e Carmen Moldes

Camelia xapónica: Pilar Bargiela

Mellor camelia escollida polo público: a número 11 de Geli Piñeiro

A programación, organizada por José Freire coa colaboración do Concello de Padrón, destacou pola súa diversidade e pola excelente acollida do público. O obradoiro de pintura tradicional xaponesa Sumi-e, impartido por Mar de la Corte, completou todas as prazas dispoñibles, confirmando o crecente interese polas propostas que unen arte e natureza.

A xornada dominical incluíu o escape room infantil A dama das Camelias, visitas guiadas e un obradoiro técnico sobre a poda e coidado de froiteiras, a cargo do enxeñeiro Alfonso Touceda, pechando unha edición que reafirma a Padrón como baluarte da cultura da camelia en Galicia.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.