Pérez Barral propón crear nas Carolinas unha zona verde e estacionamento para a veciñanza

12 Febreiro 2026

Recuperar o espazo das Carolinas e convertelo nunha zona verde pública con estacionamento gratuíto, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e reforzar a actividade económica do barrio. Esa é a proposta que este 12 de febreiro presentou o ex-alcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, quen a deu a coñecer acompañado polas concelleiras Antía Alberte, Veva Betanzos e polo responsábel local Rafa Pazos.

Lembraron que “hai arredor de quince anos, nesta zona do centro urbano había un espazo infantil e prazas de estacionamento, mais coa construción da nova lonxa e a remodelación da fachada marítima realizada polo Concello en 2020, cun investimento duns 450.000 euros, reducíronse carrís e elimináronse numerosas prazas de estacionamento, agravando un problema xa existente nun barrio con escaseza de garaxes”.

Sinalaron que na actualidade, trala concesión administrativa que permitirá que a antiga lonxa funcione como nave de redes, “ábrese unha oportunidade para crearmos un espazo pensado para as persoas, xa que os redeiros pasarán a estar na antiga lonxa e se precisan facer traballos no exterior, pode empregarse o porto comercial”.

O portavoz nacionalista sinalou que “é o momento de pensar en como devolverlle este espazo á xente das Carolinas”.

Un espazo verde pensado para as persoas e zona de aparcadoiro

O BNG defende que “este ámbito debe volver ter un uso veciñal e converterse nun lugar agradábel para pasear, descansar, xuntarse ou levar ás crianzas”. E engadiu: “Demandamos que o PP, a través de Portos de Galiza, deixe de bloquear proxectos que son positivos para á veciñanza de Ribeira e faga a reversión ao Concello dos terreos sen uso vinculado á actividade marítima, medida que facilitaría a realización de eventos sen custos ou procesos burocráticos longos como acontece hoxe en día”.

No caso concreto das Carolinas proponse que o espazo se destine á creación dunha zona verde pública e dunha área de estacionamento gratuíto, algo que permitiría “reverdecer o barrio, crear un lugar de encontro e paliar a falta de prazas para residentes e clientes dos negocios da contorna”.

Pérez Barral subliñou que o proxecto debe deseñarse con criterios de sustentabilidade ambiental, integración paisaxística e accesibilidade: “Queremos un modelo de vila pensado para as persoas, no que o espazo público sexa unha prioridade e contribúa ao benestar colectivo e facilite a actividade comercial”.

Pérez Barral concluíu asegurando que “imos seguir traballando como sempre fixemos: escoitando á veciñanza e presentando propostas en positivo que melloren Ribeira e a vida diaria das persoas. Ese é o noso compromiso e a nosa maneira de construír un concello coas persoas no centro”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...