Os obradoiros de IA da Deputación e o CITIC recalan esta semana no IES As Insuas de Muros

24 Febreiro 2026

A Deputación da Coruña, en colaboración co centro CITIC da UDC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación da Universidade da Coruña), impulsa esta tempada un programa educativo pioneiro sobre intelixencia artificial xenerativa dirixido ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato en 20 centros educativos da provincia. A iniciativa ten como obxectivo “achegar coñecementos básicos e competencias clave sobre unha das tecnoloxías máis transformadoras da actualidade, combinando contidos teóricos cun enfoque práctico”.

As sesións desenvólvense en aulas con computadores para o alumnado e permitirán aos estudantes comprender o funcionamento da IA xenerativa, coñecer aplicacións actuais como ChatGPT, Gemini ou HuggingChat, e reflexionar sobre o seu uso ético, seguro e responsábe.

O programa tamén porá o foco no potencial da IA na creación de contidos dixitais (imaxe, audio e vídeo) e analizará os retos e oportunidades que estas ferramentas presentan nos ámbitos educativo, social e profesional.

Esta semana os obradoiros recalan no IES As Insuas de Muros. Os días vindeiros chegarán a Boiro, en marzo, e a Ribeira, en abril.

Un programa baseado no marco europeo AILit

A proposta formativa do CITIC inspírase nas recomendacións do marco europeo AILit, estruturado arredor de tres eixes fundamentais: coñecementos, habilidades e actitudes para un uso eficaz e responsábel da IA xerativa. O programa aborda catro dominios clave: entender, usar, xestionar e deseñar IA.

O obxectivo principal é “proporcionar ao alumnado unha base sólida que lles permita comprender que é a IA xerativa, como funciona e en que se diferencia doutros sistemas de intelixencia artificial, así como coñecer conceptos técnicos básicos como os algoritmos, o adestramento con datos e a xeración probabilística de contidos”. O CITIC pretende tamén favorecer que estas ferramentas poidan usarse de forma práctica, segura e crítica, tanto no ámbito académico como na súa vida cotiá, “aprendendo a detectar nesgos ou erros nos resultados xerados por sistemas automáticos e reflexionando sobre as implicacións éticas, legais, sociais e ambientais do seu uso”.

Os contidos estrutúranse en dúas sesións de dúas horas en cada centro.

Na primeira sesión, xa celebrada no IES Agra do Orzán, abordouse unha introdución á intelixencia artificial, explicando que é e que non é, os seus principais eidos e os fundamentos da aprendizaxe automática e dos modelos de linguaxe. Traballouse tamén o uso de chatbots para a creación de texto, como ChatGPT, Gemini, Perplexity ou HuggingChat, xunto coa enxeñaría de prompts, a importancia da privacidade, o uso do contexto e os modelos que “razoan”. Ademais, analizouse a IA como ferramenta de apoio á aprendizaxe, atendendo á detección de nesgos, erros e plaxios, así como ao seu impacto nos procesos de estudo, especialmente na evocación, elaboración e transferencia do coñecemento.

Na segunda sesión do IES Agra do Orzán, que se desenvolveu este luns 23, o foco sitúase na IA xerativa aplicada á creación de imaxe, audio e vídeo, así como no uso seguro, consciente e legal destas tecnoloxías. Abordáronse técnicas de prompting para imaxe e a análise dos dereitos de autor, realizouse unha comparativa de ferramentas como Adobe Firefly ou Suno para a creación musical, e explorouse a xeración de audio e vídeo mediante distintas aplicacións. Presentáronse tamén ferramentas específicas como NotebookLM ou ChatPDF e promoveuse un debate arredor da autoría, a privacidade e o marco regulador europeo, incluída a futura Lei de IA.

Compromiso coa igualdade de oportunidades dixitais

O programa, que chegará a un máximo de 20 centros seleccionados pola Deputación da Coruña, desenvolverase ao longo do curso 2025-2026 en institutos urbanos e rurais da provincia.

Desde o CITIC subliñan que esta acción forma parte do seu compromiso coa transferencia de coñecemento á sociedade e coa promoción das vocacións tecnolóxicas entre a mocidade.

Este programa supón un paso máis na colaboración entre o CITIC e a Deputación da Coruña para achegar o coñecemento tecnolóxico á comunidade educativa e preparar ás novas xeracións para un contexto dixital en constante transformación.

O programa estrutúrase en dúas sesións formativas por centro, cunha duración de dúas horas cada unha. As sesións desenvolveranse nos seguintes centros:

Febreiro: IES Agra do Orzán (A Coruña): 9 e 23 febreiro; IES Ferrol Vello (Ferrol): 11 e 25 febreiro; IES Ortigueira (Ortigueira): 20 e 27 febreiro; IES Isidro Parga Pondal (Carballo): 23 e 26 febreiro; IES As Insuas (Muros): 23 e 27 febreiro; IES Concepción Arenal (Ferrol): 24 febreiro e 3 marzo; e IES Fene (Fene): 24 febreiro e 3 marzo

Marzo: IES Elviña (A Coruña): 3 e 4 marzo; IES Praia Barraña (Boiro): 4 e 13 marzo; IES Terra de Soneira (Vimianzo): 27 febreiro e 6 marzo; IES Sar (Santiago de Compostela): 5 e 19 marzo; IES Blanco Amor (Culleredo): 18 e 25 marzo; IES Eduardo Pondal (Ponteceso): 23 e 25 marzo; e IES Mariñas (Betanzos): 24 e 27 marzo

Abril: IES nº 1 Ribeira (Ribeira): 7 e 10 abril; IES Manuel Murguía (Arteixo): 7 e 14 abril; IES Xulián Magariños (Negreira): 15 e 17 abril; IES María Casares (Oleiros): 15 e 17 abril; e IES Cabo Ortegal (Cariño): 20 e 27 abril.

Outros artigos

O Concello da Pobra presenta o VII Ciclo Victoriano García Martí

O Concello da Pobra do Caramiñal presentou na mañá deste 14 de abril o VII Ciclo Victoriano García Martí, unha iniciativa xa consolidada no calendario cultural do municipio que rende homenaxe a unha das figuras máis destacadas da súa historia. A programación,...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Becerreá”. Xulio Xiz

“Becerreá”. Xulio Xiz

Neste país que vai para vello porque cara aló imos boa parte dos habitantes, para un pobo contar cunha residencia de maiores provoca a mesma ansia ca a que en tempos se experimentaba coa construción de colexios. Polo avance do calendario, cada ano precisamos maior...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.