
A Consellería de Sanidade iniciou este luns 23 de febreiro unha nova fase do Proxecto Xenoma Galicia coa recollida de sangue de 5.000 persoas para analizar o seu ADN. Esta nova fase de recollidas comeza hoxe na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, na que se programarán 828 citas, e estenderase logo, progresivamente, ao resto das áreas sanitarias de Galicia.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do director executivo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, e do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, supervisou no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela a toma de mostras.
Co inicio desta nova etapa, a Xunta dá continuidade á fase inicial dun programa no que xa se analizaron 2.000 mostras biolóxicas de sangue e de saliva. Estes estudos permitiron detectar 24 variantes de risco asociadas a diferentes patoloxías hereditarias como son o cancro de mama e ovario hereditarios, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar.
Na área sanitaria de Santiago e Barbanza habilitáronse un total de 828 ocos de citas para proceder á recollida de mostras, concretamente, 703 en Santiago e 125 en Barbanza.
Durante a súa visita ao hospital compostelá, Gómez Caamaño destacou o carácter “pioneiro” deste proxecto e remarcou a gran valía que terán os seus resultados para avanzar nos ámbitos da medicina preventiva e personalizada. Así, convidou a toda a poboación que reciba o seu convite (vía SMS) a “participar neste ambicioso proxecto”.
A implicación no Proxecto Xenoma Galicia é totalmente voluntaria, pero precisa dun convite previo por parte do departamento sanitario da Xunta.
Deste xeito, en cada unha das súas fases as persoas seleccionadas de forma aleatoria recibirán no seu móbil unha mensaxe SMS cunha invitación e unha relación informativa sobre o programa. Tras o envío desta mensaxe, os participantes deberán solicitar a súa cita a través da aplicación SERGAS Móbil. As citas están dispoñíbeis de luns a xoves en horario de tarde. O persoal sanitario informará os participantes e levará a cabo unha extracción da mostra de sangue, sen necesidade de acudir en xaxún.
O Proxecto Xenoma Galicia, impulsado pola Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica conta cun investimento total de 20 millóns de euros e busca analizar o ADN de 400.000 galegos.
Pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.
Isto porá a Galicia na primeira liña da investigación biomédica, ademais de ser un revulsivo para a industria biotecnolóxica e farmacéutica do país.




