
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, presentou na mañá deste xoves 5 de febreiro, acompañada do concelleiro responsábel da área de Festexos, Fernando Abraldes, o programa lúdico e cultural que o Concello levará a cabo con motivo da celebración do Entroido deste ano. Será unha axenda chea de actividades pensadas para nenos e maiores de todas as parroquias de Ribeira, Sampedro confirmou que King África –o luns 16 de febreiro-, xunto cos Djs Manu GZ e Enter, será unha das actuacións máis destacas dun cartel de festas que arrincan o venres 13 e rematarán o mércores 18.
“O obxectivo é tratar de facer unha festa animada e divertida para que todos os veciños de Ribeira, con independencia da idade que teñan, poidan desfrutar dunhas datas que desprenden alegría e celebración”, explicou a rexedora, que aproveitou para animar a toda a xente da comarca a coñecer o entroido do seu concello.
Sampedro explicou que durante seis días “as rúas do municipio impregnaranse do ambiente carnavalesco ao que contribuirán”, dixo, as típicas charangas (Os Celtas da Baña e Fanfarria Farruxa) o tren infantil que o sábado percorrerá as rúas de Ribeira, a celebración da choqueirada infantil, os sempre presentes concursos de disfraces, o festival de charangas e comparsas, así como o espectáculo de música familiar Son Animal de Paco Nogueiras.
Recuperar o luns de Entroido
“Queremos recuperar ese espírito de luns de entroido que se perdeu nos últimos anos e que gustaba tanto en Ribeira”, dixo Sampedro, quen convidou a hostaleiros e comerciantes a participar nunha festa que “encherá de xente e de vida as rúas do municipio”.
Este ano, ademais, e coincidindo co día dos namorados, o Entroido de Ribeira reservará un lugar (o sábado 14) para unha celebración especial na carpa do Malecón co sorteo dunha noite nunha casa rural.
O punto e final ás festas chegará da man do clásico Enterro do Felipe coa queima na praza de Pontevedra e a continuación a degustación de doces de Entroido na carpa.
Concursos

María Sampedro tamén puxo en valor os “8.500 euros e premios por participar neste Entroido, porque implicarse e facer pobo tamén te recompensa” e que se reparten entre os 6.000 euros do festival de murgas e comparsas e os 2.500 euros polo concurso de disfraces.
A participación no concurso de disfraces estará vixente durante todo o Entroido en horario libre, asistindo aos locais hostaleiros que estean adheridos (co prazo de inscrición aberto ata o 6 de febreiro) e contará coas categorías de individual, parella ou trío e grupo, así como premio individual ou grupal na categoría de disfrace no Felipe.
O desfile de murgas e comparsas levarase a cabo o martes, 17 de febreiro, festivo local, a partir das 17.00 horas, nunha carpa que se instalará no Malecón.
Carla Núñez e Marcos López, facianas do podcast Todo Mal, exercerán de presentadores dunha gala onde non faltará a retranca e o humor.
Tal e como se recollen nas bases, establécense tres categorías: murgas adultos, murgas infantís e comparsas.
A contía de 6.000 euros destinada a este evento divídese do seguinte xeito: 3.200 euros para as gratificacións e 2.800 euros para os premios. As gratificacións por participación serán dun máximo de 200 euros por cada murga adulta, infantil ou comparsa. No caso de que algunha entidade ou asociación estea representada en murga e comparsa, a gratificación será en conxunto por un importe de 299 euros. As murgas na categoría de adultos poderán optar a un primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 600 euros, un terceiro de 400 euros ou a distinción á mellor murga local con 800 euros. Toda a información detallada e anexos están dispoñíbeis na web municipal.





