Gardacostas de Galicia realiza en Ribeira un simulacro de despregamento de barreiras anticontaminación

28 Febreiro 2026

O servizo de Gardacostas de Galicia desenvolveu no porto de Ribeira unha xornada de formación teórico-práctica sobre o despregamento de barreiras anticontaminación, no marco das actuacións que leva a cabo como responsable da dirección do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL) e da coordinación das operacións no mar cando se activa este dispositivo.

A actividade formativa resulta esencial para afianzar os procedementos operativos, mellorar a capacidade de resposta ante episodios de contaminación mariña e adestrar o persoal no uso de equipos e medios técnicos especializados. O obxectivo é garantir unha actuación eficaz, rápida e coordinada en situacións de emerxencia que poidan afectar ao litoral e á actividade marítimo-pesqueira.

A xornada adquiriu un carácter especialmente relevante ao contar, por primeira vez, coa participación conxunta de efectivos doutras administracións e organismos públicos. Xunto aos axentes da Unidade Operativa de Ribeira participaron profesionais da embarcación Salvamar Sargadelos de Salvamento Marítimo (Sasemar), da lancha de salvamento Hermes da Cruz Vermella do Mar —dependente de Cruz Vermella— e da policía portuaria de Portos de Galicia en Ribeira.

Este traballo conxunto permite reforzar a interoperabilidade entre servizos e mellorar a coordinación interadministrativa, un aspecto clave en escenarios de contaminación mariña accidental.

Con este tipo de adestramentos, Gardacostas de Galicia consolida o seu compromiso coa prevención, preparación e resposta fronte a vertidos e outros episodios contaminantes, apostando por unha acción coordinada que contribúa á protección do medio mariño e á defensa dun sector estratéxico para a economía das Rías Baixas e, en particular, da comarca do Barbanza.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.