Compostela celebra o día de Rosalía no 189 aniversario do seu nacemento

23 Febreiro 2026

O 23 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro en Santiago de Compostela e para conmemorar o 189 aniversario dese nacemento celebrouse un ano máis o día da autora galega máis “consciente e comprometida”. No marco desta efeméride, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín asistiu aos actos organizados pola Fundación Rosalía de Castro na praza de Vigo e no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. Tamén este luns 23 (Día de Rosalía) foi publicado un bando municipal a cargo da rexedora no que reivindica a actualidade de Rosalía e a vixencia da súa mensaxe combativa. O programa de actividades incluíu tamén o Festival Rosalía que se desenvolveu durante toda a fin de semana na praza de Mazarelos e noutros espazos da cidade.

Na praza de Vigo

A praza de Vigo, lugar onde naceu Rosalía, acolleu na mañá deste luns un acto público que deu comezo coa interpretación da Alborada de Rosalía por parte dos Carapaus e que contou coa participación de nenas e nenos dos colexios Quiroga Palacios e Cluny e a tradicional ofrenda floral.  No acto participou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, xunto co conselleiro de Cultura, José López; a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; o presidente da Asociación de Veciños Raigame, Xosé Manuel Durán; e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Asistiron tamén membros da Corporación Municipal.

Na súa intervención, a alcaldesa enxalzou a rebeldía e o inconformismo de Rosalía, a quen definiu como muller alegre, culta, valente, brava e combativa, afastada do tópico de choromiqueira. “Foi unha muller que se adiantou en moitas das súas ideas e propostas á propia Virxinia Wolf, dicindo que ela quería vivir do que escribía, un paso fundamental para o resto de escritoras que viñan detrás”, valorou Sanmartín.

“Santiago de Compostela é unha cidade literaria”, celebrou a rexedora, e ligou este feito fundamentalmente á figura de Rosalía e á súa “mensaxe transgresora, de liberdade, de solidariedade e de xustiza social, absolutamente imprescindíbel”. Comprometeuse así a seguir estendendo dende o Concello de Santiago a súa figura e a súa obra.

No marco desta xornada, a Goretti Sanmartín tamén participou no acto organizado no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres pola Fundación Rosalía de Castro no que se leron poemas da autora e que contou coa actuación musical de Uxía e Javier Ruibal. O acto pechouse como comezaba a mañá, ao son da Alborada de Rosalía dos Carapaus, e cunha degustación do Caldo de Gloria do cociñeiro compostelán Iago Pazos.

Bando polo Día de Rosalía

Ademais, a rexedora publica neste 23 de febreiro un bando con motivo da celebración do 189 aniversario da escritora, un manifesto que subliña a idea da súa actualidade e da vixencia da súa mensaxe. 

A partir da pregunta de que muller sería hoxe Rosalía e que causas estaría defendendo, reivindícase a muller que “fai rexurdir a esperanza; consciente e comprometida, que se implica e participa; esa muller que escolle a lingua que tece e sostén a comunidade, que muller que ergue a voz contra a inxustiza… todas elas cunha mensaxe combativa”, explicou a alcaldesa, engadindo que “mentres a avaricia sen límite continúa devorando o planeta, mentres os intereses duns poucos priman por riba de pobos enteiros, mentres as mentiras e a desinformación toldan as xanelas polas que miramos, temos sinalados no calendario fitos cos que espertar a conciencia. Un deles é, cada 23 de febreiro, o Día de Rosalía”.

Outros actos

Durante esta fin de semana, a capital galega xa celebrou a Rosalía coa oitava edición do Festival que acolleu sábado e domingo a praza de Mazarelos, un certame que a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, inaugurou o sábado. 

Sanmartín Rei inaugurou o evento definindo a Rosalía como o “referente” que marcou o inicio do Rexurdimento e que “conseguiu facer o camiño para as que viñeron detrás”. Segundo destacou, “sen ela seriamos diferentes”, reivindicando a Santiago como o lugar onde a poeta se fixo escritora .

Pola súa parte, o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, participou no acto central organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) este domingo no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres para homenaxear a Rosalía de Castro.

Baixo o lema #maiselestaménperdidos , a escritora Eva Veiga deu lectura ao manifesto deste ano tras o saúdo do presidente da entidade, Cesáreo Sánchez Iglesias e das interpretacións musicais da Asociación Cultural e Musical Solfa. Lestegás, pola súa parte, participou na lectura de poemas e escolleu, para a ocasión Pra a Habana!

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...