A Deputación da Coruña organiza esta semana as xornadas ‘Memoria entre mareas. Unha nova ollada aos patrimonios marítimos da provincia da Coruña’, unha iniciativa que busca revisar e ampliar o concepto de patrimonio marítimo desde unha visión plural, inclusiva e actualizada. O encontro celebrarase os días 6 e 7 de febreiro no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Coruña, no marco das Aulas Científicas A luz da ciencia impulsadas pola institución provincial.
Durante dúas xornadas, especialistas de recoñecido prestixio abordarán o patrimonio do mar como espazo de traballo, memoria colectiva, identidade, arquitectura, paisaxe cultural e fonte de creación, prestando especial atención tanto aos bens materiais como inmateriais, ao patrimonio laboral e á perspectiva de xénero.
Na presentación do evento, o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, destacou que estas xornadas permitirán «ampliar a ollada sobre o patrimonio marítimo da provincia desde unha perspectiva plural e contemporánea, incorporando dimensións materiais e inmateriais que forman parte da nosa identidade colectiva». Subliñou tamén a importancia de «dar visibilidade á arquitectura, á tradición oral, ao traballo no mar e especialmente ás achegas das mulleres, tradicionalmente esquecidas ou invisibilizadas nos relatos».
Penas puxo en valor a participación «dun elenco de especialistas de primeiro nivel, procedentes de distintos ámbitos do coñecemento, que achegan unha visión rigorosa e actualizada». Na mesma liña, Leo González, responsable de proxectos de Trivium, salientou que as xornadas se sustentan en «dúas ideas clave: a interdisciplinariedade e o concepto plural de patrimonios», incorporando visións frecuentemente esquecidas como o patrimonio sonoro, o patrimonio subacuático ou a reivindicación do patrimonio do traballo desde unha perspectiva de xénero.

Un programa diverso e interdisciplinar
A inauguración institucional terá lugar o venres 6 de febreiro ás 10:00 horas, a cargo de Xosé Penas. A sesión de apertura contará coa conferencia ‘Do patrimonio aos patrimonios: narrar, vincular, transformar’, impartida por Olaia Fontal, directora do Observatorio de Educación Patrimonial en España e catedrática da Universidade de Valladolid.
Ao longo do venres analizarase o papel das mulleres nas industrias marítimas galegas dos séculos XIX e XX, con intervencións de Luisa Muñoz, directora da Cátedra Juana de Vega, así como reflexións sobre igualdade, coidado do medio e divulgación do traballo do mar a cargo de Sandra Amézaga, Bibiana Martínez e Rogelio Queiruga. O programa inclúe tamén sesións dedicadas ao patrimonio subacuático e á memoria dos naufraxios, ás paisaxes sonoras e á tradición oral, coa participación de Fernando Patricio Cortizo, Xoán-Xil López e Faia Díaz.
A conservación do patrimonio marítimo será abordada desde o compromiso social con representantes da Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros de Sada, e cunha conversa titulada ‘A palabra é un navío’, na que participarán Xosé Iglesias e Anxo Angueira.
A xornada do sábado centrarase no patrimonio industrial marítimo, na paisaxe litoral e na reutilización de bens históricos, con intervencións de Carmen Fabregat, Óscar Fuertes Dopico, Àlex Aguilar e Uxía Caride. O peche das xornadas correrá a cargo de Quico Cadaval, cunha intervención que reivindicará o patrimonio inmaterial do mar como espazo vivo de memoria, palabra e identidade colectiva.





