O PP de Noia di que xestión do Goberno local reduce en máis de 1,3 millóns os investimentos para a veciñanza

29 Xaneiro 2026

O PP de Noia emitiu un comunicado no que asegura que non apoiará a proposta de Orzamentos do Goberno municipal para 2026, nas súas palabras un dos Orzamentos “máis prexudiciais do que vai de século para os veciños e veciñas do municipio xa que reducen drasticamente o investimento, incrementan as taxas municipais e demostran a nula capacidade de xestión de PSOE e BNG, o que se traduce na paralización de proxectos fundamentais para Noia como o centro de día para maiores da Chaínza”.

O voceiro e presidente local do PP, Santiago Freire, sinala que “estas contas de 2026 supoñen unha caída do 60% do investimento en Noia: dos 2,2 millóns de euros aprobados polo meu equipo de Goberno nos anteriores Orzamentos aos 872.771 euros do PSOE e a Marea, co aplauso do BNG. As cifras son as que son, por moito que logo se fagan discursos grandilocuentes e propaganda”.

Para o PP de Noia trátase “dunhas contas que poñen de manifesto a incapacidade do alcalde e do tenente alcalde para xestionar calquera tipo de axuda ou proxecto relevante para Noia diante doutras administracións”, sinala Freire Abeijón, quen apunta que “fronte á propaganda, visitas para sacarse a foto e cortinas de fume do Goberno municipal, as súas propias cifras demostran o que levamos denunciando dende o primeiro día: a súa nula capacidade para xestionar nada en favor dos veciños e veciñas de Noia”.

O ex alcalde sostén que “cando se analizan polo miúdo os proxectos de investimento, chama a atención que os únicos que están perfectamente detallados son aqueles que xa deixara xestionados o Goberno presidido por Santiago Freire, como son os 182.770 euros da reposición do pavimento en Sobreviñas, unha pavimentación en Eiroa, a mellora do sistema de filtración de auga na piscina municipal, a mellora da pavimentación na rúa Pintor Francisco Ceo, a reparación do pozo principal de bombeo de Abruiñeiras; e tamén obsérvase que non se contempla ningunha actuación na rúa Outonil, que considera prioritaria e onde o anterior goberno de Santiago Freire xa tiña aprobado un estudo de detalle coas novas rasantes e o seu acondicionamento”.

E engade: “O BNG fala de investimento sen precedentes e do pacto da auga sacando peito por partidas de 480.000 euros en saneamento e 127.000 para abastecemento, cando o Goberno do PP de Noia conseguiu 3 millóns de euros para a depuradora e 1,2 millóns de euros para a potabilizadora, ademais de numerosos investimentos todos os anos que xa están desfrutando os veciños e veciñas de todas as parroquias”.

No comunicado tamén critica á Marea por “presumir de que nunca se investiron tantos recursos propios en servizos esenciais e priorizar os servizos básicos; pois nin a educación nin a terceira idade deben estar entre os intereses do tenente de alcalde porque nestes Orzamentos non se recolle nin un euro para os centros educativos municipais nin para o centro de día para maiores na Chaínza, o que demostra que tiñamos razón cando diciamos que o PSOE decidiu por motivos políticos paralizar esta importante infraestrutura para a terceira idade que ía ser cofinanciada pola Xunta de Galicia, xa que non puido cubrir a achega municipal”.

Finalmente, o voceiro e presidente local do PP sinala que “no Orzamento de 2026 non hai consignación orzamentaria para aplicar a Relación de Postos de Traballo do Concello de Noia, argumento utilizado polo concelleiro tránsfuga para non apoiar os Orzamentos de 2024, pasarse primeiro ao grupo mixto e apoiar a moción de censura despois. Agora que o PSOE e a Marea fixeron exactamente o mesmo, vai actuar da mesma forma? Se é coherente con todo o que leva dito debería votar en contra destas Contas mañá xoves, imos ter un tránsfuga dobre?”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“¿Dónde está el cuchillo?” – Manuel Domínguez

“¿Dónde está el cuchillo?” – Manuel Domínguez

Le invite a yantar en casa, me esmere en demostrar mis dotes culinarias, preparé lo que a él le gustaba, no se trata de presumir, sino agradar a un invitado, tratarlo como se trata a quien adorna mi casa, las buenas amistades embellecen. Hoy disfrutas de una bella...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.