O pasado venres 9, o Auditorio de Padrón acolleu a inauguración da edición 2025–2026 do Programa Integrado de Emprego, no que participan os Concellos de Dodro, Padrón, Pontecesures, Valga, Catoira e Rois.

No acto estiveron o alcalde de Dodro, Francisco Xabier Castro; o alcalde de Padrón, Anxo Rei; a alcaldesa de Pontecesures, María Teresa Tocino; o alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño; e o alcalde de Rois, Ramón Tojo.
Nesta nova edición participan 100 persoas desempregadas, que recibirán formación en industria alimentaria, hostalería e turismo, servizos socioculturais e á comunidade, sociosanitario, administración e xestión, comercio e mercadotecnia (marketing), sector metal, téxtil e formación complementaria transversal. O obxectivo é acadar, como mínimo, unha inserción laboral do 37%.
As persoas beneficiarias do Programa terán dereito a unha bolsa de 10 € por día de asistencia ás accións que realicen nel e haberá medidas tendentes a facilitar a conciliación coa vida familiar e laboral:
– Atención personalizada e ampla dispoñibilidade do persoal técnico para consultas ou outro tipo de información.
– Flexibilidade horaria e consensuada cos participantes nas accións de información, orientación e asesoramento.
– Adaptación dos horarios das accións do programa aos horario dos servizos educativos e de atención á dependencia do territorio.
– Horario continuo das accións formativas e diversificación horaria, valorando a opinión dos participantes.
– Oferta de accións formativa na modalidade online ou mixta e posibilidade de realizar accións de información e asesoramento utilizando as novas tecnoloxías para a comunicación.
O programa iniciou as súas actividades no mes de xaneiro, unha vez finalizado o proceso de selección das persoas participantes, e prolongarase ata outubro de 2026. Está co-financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e por fondos finalistas do Servicio Público de Empleo Estatal con 220.000 euros.
“O Programa Integrado de Emprego constitúe unha das ferramentas máis efectivas de políticas activas de emprego desenvolvidas polos concellos implicados”, engadiu o Concello de Dodro.




