O Auditorio Municipal de Padrón acolle o inicio do Programa Integrado de Emprego 2025-2026 con cen persoas participantes

09 Xaneiro 2026

O Auditorio Municipal de Padrón acolleu esta mañá o acto de apertura do Programa Integrado de Emprego (PIE) 2025-2026, que supón o inicio dunha nova etapa profesional para cen persoas desempregadas dos concellos de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures, Catoira e Valga. O programa desenvolverase ao longo de nove meses e ofrecerá unha formación intensiva orientada a cubrir as vacantes técnicas que demandan as empresas do tecido produtivo da comarca.

Pola esquerda os alcaldes: Xoán Xosé Castaño (Catoira), Maite Tocino (Pontecesures), Xavier Castro (Dodro), Anxo Arca (Padrón) e Ramón Tojo (Rois).

O proxecto conta cun investimento próximo aos 300.000 euros, cofinanciados pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), e consolídase como unha ferramenta clave para a dinamización económica local e a mellora da empregabilidade.

Durante o acto, o alcalde de Dodro, Xavier Castro, puxo en valor a traxectoria dun programa que cumpre nove edicións, destacando a súa orientación práctica e adaptada ás necesidades reais das empresas. “Ofrecemos unha formación directa, rápida e axustada ao que demandan as empresas da comarca. Esta é unha ocasión única para formarvos e atopar un traballo”, sinalou dirixíndose ás persoas participantes.

Pola súa banda, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, subliñou a importancia da formación de proximidade como ferramenta para fixar poboación e talento no territorio. Arca animou o alumnado a “aproveitar unha oportunidade única de formarse naqueles campos que precisan as empresas da comarca, o que vos pode axudar a traballar preto das vosas casas”. O rexedor padronés amosouse optimista cos resultados do programa, confiando en que nesta edición se volva superar o obxectivo mínimo do 37 % de inserción laboral e se achegue ou supere o 50 % ao remate do ciclo.

Ao acto de inauguración asistiron tamén a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, e os alcaldes de Catoira, Xoán Xosé Castaño, e de Rois, Ramón Tojo. Non puido estar presente o alcalde de Valga.

O obxectivo do Programa Integrado de Emprego 2025-2026 é mellorar a empregabilidade e favorecer a inserción laboral das persoas participantes mediante accións personalizadas que combinan orientación, formación e prácticas en empresas. O itinerario inclúe entrevistas individuais, asesoramento laboral, talleres de habilidades sociais, intelixencia emocional, mobilidade laboral e preparación para procesos de selección.

A formación centrarase en sectores con alta demanda de persoal, como as industrias alimentarias, fabricación mecánica, téxtil e confección, administración e xestión, comercio e loxística, hostalería e turismo, servizos á comunidade, ámbito sociosanitario ou imaxe e son.

Ademais, as persoas participantes poderán realizar prácticas non laborais en empresas da contorna e contarán cunha bolsa diaria de 10 euros para facilitar a asistencia ás actividades formativas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.