A Xunta suspende as clases este venres en Ourense, en varias zonas de Lugo e no interior de Pontevedra pola neve

22 Xaneiro 2026

A Xunta activará esta medianoite do xoves a alerta laranxa por neve e suspenderá as clases e o transporte escolar o venres en toda a provincia de Ourense, as zonas de montaña, sur e centro de Lugo e o interior de Pontevedra, ademais de ampliar a alerta vermella por temporal costeiro a todo o litoral da Coruña e Pontevedra.

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as clases nos centros educativos e escolas infantís das zonas afectadas, despois dos avisos laranxas (perigo importante) emitidos tanto pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) como por MeteoGalicia.

As previsións apuntan a que a borrasca Ingrid baixará a cota de neve este venres desde 600 metros ata os 400 ao final do día.

Espéranse xistras e acumulacións de ata cinco centímetros en cotas por encima dos 400 metros e nalgunhas zonas da provincia ourensá poderían chegar aos 20 centímetros.

Os concellos afectados polas distintas suspensións pódense consultar no ‘Portal Educativo’.

As clases e o transporte suspéndense nun total de 160 municipios, máis da metade dos 313 da comunidade galega, e son os seguintes:

-Provincia de Ourense: Os 92 concellos

–Provincia de Lugo: 52 concellos en tres zonas:

-27 de Lugo centro: Abadín, Begonte, Castroverde, Cospeito, Guitiriz, Láncara, Meira, Muras, Antas de Ulla, Castro de Rei, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade, Sarria, Xermade, Portomarín, Riotorto, e Vilalba.

– 14 de Lugo Montaña: Baleira, Becerreá, Folgoso do Courel, O Incio, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Samos, Baralla, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, As Nogais, Ribeira de Piquín e Triacastela.

– 11 de Lugo Sur: Bóveda, Chantada, Pantón, Quiroga, O Saviñao, Taboada, Carballedo, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil e Sober.

–Provincia de Pontevedra: 16 concellos do interior: Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Alerta vermella por fenómenos costeiros

Ademais, a Xunta ampliou a alerta vermella (perigo extraordinario) por fenómenos costeiros para o venres a todo o litoral da Coruña e Pontevedra, onde se espera vento de forza 10 e ondas de ata nove metros.

Na Mariña lucense mantense o nivel laranxa, con ventos de forza oito e ondas de ata oito metros.

Debido á alerta costeira, o venres quedarán suspendidas as actividades no exterior dos centros educativos das zonas noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña, na Mariña e nas zonas das Rías Baixas e Miño en Pontevedra.

Tamén estará suspendida toda a actividade deportiva federada e do programa Xogade tanto en terra como no mar, por ambas as alertas.

Ante a neve, a Xunta recomendou evitar as viaxes por estrada sempre que non sexan necesarios e levar o depósito cheo, así como usar roupa e calzado adecuado, evitar que as persoas maiores saian á rúa e ter á man lanternas e cadeas.

Respecto ao temporal costeiro, pediu á poboación que se manteña afastada da liña de costa, como diques, rompentes e paseos marítimos, ademais de extremar a precaución ao realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións. 

A DXT pide evitar desprazamentos

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) aconsella evitar os desprazamentos por estrada durante a fin de semana na metade noroeste peninsular ante as previsión de nevadas importantes pola entrada da borrasca Ingrid.

Segundo as previsións de AEMET, o máis complicado espérase para o venres pola tarde, con avisos amarelos e laranxas por neve que se prolongarán durante o resto da fin de semana e que afectarán a numerosas provincias do centro e noroeste de España.

Por este motivo, a DXT recomende evitar desprazamentos por estrada, non só nas vías comarcais e locais, senón en autovías e autoestradas.

É máis, estima que máis de 15 vías de alta capacidade poden verse afectadas, entre elas, a AP-71 León- Astorga, A-1 Madrid-Burgos, A-15 Medinaceli-Soria, A-11 Aranda de Douro-A Mallona, A-2 Madrid-Calatayud (Zaragoza), A-6/AP-6 Madrid-Coruña, AP-51 Avila, AP-61 Segovia, AP-53 Vedra-Dozón e AG-53 Dozón-Ourense.

Con carácter preventivo, a DXT restrinxe a circulación de vehículos de mercadorías de máis de 7.500 quilogramos de masa máxima autorizada (MMA) por determinados tramos de estradas. As restricións comezan esta media noite e acordarase a súa duración en función da evolución do temporal. 

A Delegación do Goberno en Galicia activou na súa fase de alerta o Plan Invernal na Rede de Estradas do Estado das catro provincias galegas. Esta medida adóptase ante as predicións emitidas pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e irase actualizando en función dos partes meteorolóxicos dos próximos días, xa que é previsible que a situación vaia empeorando conforme avancen as horas.

Dado que as previsións apuntan a un empeoramento da situación, a Delegación activa a fase de alerta no conxunto da comunidade e pide á poboación que consulte as fontes oficiais antes de realizar calquera desprazamento ou actividade no exterior.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.