
O xenocidio de Gaza perpetrado por Israel (e auspiciado por EE UU) continúa este inverno, malia a suposta tregua e malia que a matanza xa non copa titulares nos medios. O drama perpetúase así para milleiros de familias, condenadas a sumar este inverno dous novos ingredientes á súas inhumanas condicións de vida: a chuvia e o frío.
Deste xeito, tamén prosegue no Bar Plaza de Ribeira a liña de solidariedade activada polos seus propietarios e apoiada pola súa clientela: a campaña solidaria SOS 50, destinada a axudar aos integrantes da familia de Bahaa Al Aryan, mozo palestino co que manteñen continua comunicación o hostaleiro Antonio Lijó e máis Natalia Míguez.
O obxectivo segue a ser o mesmo: permitir que sobrevivan, no medio dunhas durísimas condicións de vida, os 50 membros da familia de Bahaa (de aí o nome da campaña), entre adultos e rapaces menores de idade.
Dende o Bar Plaza, rexentado por Tucho na praza de Compostela, están a coordinar a iniciativa solidaria e cidadá, que inclúe o envío de cartos cada sábado á familia.
Quen desexe colaborar coa recadación de recursos pode facelo a través do peto do Plaza, por Bizum (no 686 567 788) ou a través do código QR que se inclúe no cartel da campaña.

O recadado
Antonio e Natalia recoñecen que é difícil de contabilizar a cifra recadada: leva activa dende agosto enviando diñeiro todas as semanas a Bahaa e á súa familia. A media é de entre 100 e 150 euros, sinalan, destacando que “houbo unha semana espectacular na que se recadaron 700 euros grazas á axuda da poboación marroquí que vive en Ribeira”.
Sinalan que a idea era seguir adiante coa campaña, consolidando un grupo de 100 persoas que achegara 5 euros ao mes, co obxectivo de enviar 500 euros cada catro semanas. Con todo, dende o suposto alto o fogo constatouse a imposibilidade de lograr a dita cifra: neste momento só hai 53 persoas no grupo e grazas á xenerosidade dalgúns dos seus integrantes, prosegue o envío de cartos cada semana. O obxectivo é conseguir que estas cifras medren e recordar á xente que o problema prosegue, que non rematou por moito que se declarase o alto o fogo.
Ata cando
“Queremos que a campaña se manteña activa mínimo ata que os deixen saír de Gaza e pare a guerra totalmente porque necesitarán cartos tamén o principio”, explican, recoñecendo que a comunicación con Bahaa segue e seguirá aberta: hai uns vínculos difíciles de romper.
“Falamos dúas ou tres veces o día con Bahaa. As veces tamén con algún dos irmáns, sobre todo con Emad. Falamos por Whatsapp porque el só sabe árabe e un pouco de inglés. As veces un amigo marroquí faimos de interprete e falamos con el con vídeo chamada”, explican.

O frío e a chuvia
Engaden que a situación dende que empezou o frío e a chuvia é moi complicada, xa que levan tres anos nunha tenda de campaña, no mesmo sitio: “É o terceiro inverno que pasan nela. Xa non quedan, apenas, edificios en pé e estes últimos días os bombardeos son como ao principio do xenocidio. Todas as noites hai bombardeos e drons disparando, isto non cesou en ningún momento. Cada día intentan sobrevivir, teñen que conseguir auga, comida, se fai falla algo para a tenda ou medicamentos. Ao pai da familia disparáronlle nunha perna en xuño e necesitou moita medicación, co custe que isto implica. Foi cando ía coller comida a un punto de reparto. Agora pode andar pero hasta fai pouco non podía. Dentro do malo a súa familia non sufriu mortes pola guerra. A semana pasada faleceu un avó pero de morte natural, pero considerando as circunstancias nas que viven, é moi duro sobrevivir”.
Vivir en Gaza
Antonio e Natalia sinalan que “o cese o fogo non é real, todos os días hai bombardeos de edificios, os poucos que quedan en pé, e segue habendo matanzas de xente. Non deixan entrar comida como deberan, as tendas de campaña para o inverno non serven. Os cartos que lles enviamos poden parecer moito pero temos que ter en conta que hai semanas en que un paquete de 30 ovos ten un custe de 50 dólares. Nunca saben o prezo das cousas. Trinta ovos parecen moitos tamén pero eles son 5 na familia, os pais e tres irmás, pero teñen un avó, tíos, tías, curmáns… vivindo a carón deles noutras tendas de campaña. Son como 50 persoas, por iso a nosa campaña chámase SOS 50. É moi importante recalcar que a situación é a mesma que antes do cese o fogo pero incrementada polo inverno. Agora aínda teñen menos axuda porque derrubaron case todos os hospitais e expulsaron as ONG que lles estaban axudando dende dentro”.
A resposta de Ribeira
Os impulsores de SOS 50 queren agradecer o apoio da “xente que entende o que estamos facendo”, pero recoñecen que “son os menos”. Con todo, o apoio deses “poucos verdadeiramente comprometidos coa causa de Bahaa é fundamental para seguir adiante”. Lembran que teñen un grupo onde se publican informacións sobre o día a día de Bahaa e el mesmo comparte vídeos da súa vida en Gaza e agradécelles o apoio achegado por el e a súa familia.
E conclúen: “Co cese do fogo todo segue peor do que estaba porque moita xente estase esquecendo de Gaza agora que é cando peor están. Seguen necesitando axuda. Este grupo tamén é para intentar concienciar á xente de que o problema sigue aí e que hai que axudar dalgunha maneira”.

O que a xente pode facer
Bizum: 686567788
Deixar os cartos na hucha do Plaza
Transferencia programada: 5 euros ao mes pero cada un dá o que pode.
ES97 1583 0001 1791 1905 1606





