A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS) celebrará este sábado a súa asemblea xeral en Noia

28 Xaneiro 2026

A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS), unha entidade sen ánimo de lucro formada por peregrinos e especialistas de diferentes países que ten como misión defender e divulgar os valores do Camiño como elemento fundamental do patrimonio cultural europeo, celebrará a súa asemblea xeral de socios este sábado 31 de xaneiro no Casino de Noia. Un encontro no que se agarda a participación de socios chegados de España, Portugal, Estados Unidos e Hungría, entre outros.

Paralelamente, a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia colaborará coa FICS na organización de distintas actividades abertas á participación de toda a veciñanza. O tesoureiro da Asociación e alcalde de Noia, Francisco Pérez, será o encargado de dar a benvida aos socios da fraternidade, aos que presentará o certificado Portus Apostoli para peregrinos ás 12:00 horas no Casino de Noia.

Quince minutos despois celebrarase a conferencia Camino Muros Noia a Santiago, da man de Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos maiores expertos nos Camiños de Santiago.

Pombo, autor da primeira guía desta ruta xacobea, porá en valor que o Camiño da Ría de Muros Noia é un camiño cun perfil suave, con fermosas paisaxes mariñeiras e rurais, ideal para quen busca unha experiencia xacobea auténtica, tranquila e sen aglomeracións. Ás 13:00 horas celebrarse unha mesa redonda sobre o presente e futuro do Camiño da Ría de Muros Noia moderado por Luís Menéndez, xornalista, peregrino e socio fundador da FICS.

Visita a Noia

Como non podía ser doutro xeito, a expedición terá tempo para comprobar sobre o terreo todo o comentado nestas conferencias.

Así, ás 17:00 horas do sábado 31 de xaneiro terá lugar unha visita guiada á vila de Noia, o Portus Apostoli compostelán e cun casco histórico moi ben conservado.

Ademais, a expedición achegarase a coñecer as instalacións do albergue de peregrinos da Chaínza, que se agarda que pode comezar a prestar servizo ao longo de 2026.

Ás 21 horas, os membros da FICS participarán nunha cea ofrecida pola Ría da Estrela.

Finalmente, o domingo 1 de febreiro terá lugar unha marcha-paseo por un tramo do Camiño da Ría de Muros Noia aínda por determinar, dependendo do estado das alertas que se sucedan cara ao fin de semana a causa dos temporais que estamos a sufrir.

A visita da FICS é un novo respaldo ao Camiño da Ría de Muros Noia, que se suma ao xa expresado por partida dobre pola Academia Xacobea, nos anos 2023 e 2025.

A FICS é unha entidade con máis de 30 anos que ten como misión defender e divulgar os valores do Camiño e garantir a súa conservación e transmisión nas mellores condicións a futuras xeracións.

Reúne a peregrinos e especialistas de diferentes países que comparten coñecementos e esforzos para impulsar un proxecto solidario e fraterno que protexa o Camiño e o seu patrimonio. Na actualidade xestionan tres albergues: Nájera (A Rioxa), Canfranc (Huesca) e Grado (Asturias).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...