
O Concello de Ribeira rexistrou un total de 282 peticións veciñais na enquisa participativa habilitada pola Administración local para a planificación das actuacións a incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2026). A alcaldesa, María Sampedro, destacou a participación da veciñanza no formulario, a quen agradeceu “que entre todos fagamos achegas para, xuntos, mellorar as prestacións e, polo tanto, a calidade de vida no noso municipio. Estudaremos tódalas solicitudes, tanto as que poden concorrer ao plan como aquelas outras que se poden acometer co persoal municipal ou solicitar a colaboracións doutras institucións”.
Segundo confirmou, houbo participación en tódalas parroquias, liderando Olveira, onde a principal demanda é o arranxo da pista deportiva e o peche do Colexio; seguido de Carreira coa mellora da antiga Casa de Cultura e a reparación das estradas da Mámoa e asfalto na subida á Fieiteira; e Ribeira, coa creación dun parque infantil na praza do Centenario; actuación que xa se contempla nos orzamentos municipais do 2025 cunha partida económica superior aos 200.000 euros e que está previsto que inicie a súa execución neste primeiro semestre do ano.
No resto de parroquias, as peticións céntranse na mellora de servizos básicos, especialmente, nas pavimentacións de estradas.
Outras peticións
Tamén se recolleron outras solicitudes que non son susceptíbeis de incluír no POS+2026 debido á natureza deste plan creado pola Deputación da Coruña, pero que si estudará o Concello de Ribeira para facer con cargo ás arcas municipais ou buscando a colaboración doutros organismo, segundo remarcou a rexedora, como son as rozas, sentidos únicos, pasos peonís elevados, radares pedagóxicos, fibra óptica, limpeza de contedores, reparación de baldosas soltas ou redutores da velocidade, entre outros. De feito, dixo, “en moitas destas cuestións xa están traballando actualmente as distintas brigadas municipais”.



