Stimmug Stories presenta Unha historia detrás de…, un novo ciclo de eventos que nace coa intención de habitar o espazo a través da arte e o deseño, xerando experiencias vivas e compartidas. A primeira edición estará protagonizada pola artista galega Lúa Gándara, que exhibirá a súa colección Plantas de interior na tenda durante os vindeiros tres meses. A inauguración terá lugar o xoves 18 de decembro, de 19.00 a 21.00 h, no espazo de Stimmug Stories en Boiro. Para celebrar o inicio deste ciclo, a artista realizará unha pintura en directo, ofrecendo ao público a oportunidade de coñecer de primeira man o seu proceso creativo e a sensibilidade que guía o seu traballo.

Unha colección que habita o espazo
A mostra Plantas de interior, de Lúa Gándara, poderá visitarse do 19 de decembro ao 19 de marzo e constitúe unha inmersión no seu universo visual e performativo, onde xesto, ritmo e narrativas emocionais entrelázanse de forma orgánica.
Sobre a artista: Lúa Gándara
Lúa Gándara (O Porriño, 1988) é unha artista multidisciplinar cuxa práctica transita entre a pintura, as performance, o son, a poesía e a creación colectiva. Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, completou estudos en Creación Sonora na Universidade de Barcelona e cursou un mestrado de Profesorado en Artes e Debuxo.
A súa obra caracterízase polo humor, a improvisación e a fluidez entre disciplinas, configurando unha linguaxe propia onde dialogan xesto, símbolo e emoción. Foi seleccionada en certames como Mostra MAC, a Bienal Internacional Laxeiro e a Bienal de Pintura Eixo Atlántico, onde obtivo o Primeiro Premio Novos talentos luso-galaicos.
En 2023 levou a cabo A porta aberta nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura, intervindo estes espazos como estudo aberto tras gañar o IX Concurso de Intervención Artística. A súa práctica expansiva incorpora son, acción, improvisación e dispositivos participativos, ademais de proxectos colaborativos vinculados a danza, música experimental e escena contemporánea.
Recentemente presentou Montaña sobre montaña. Saltón na Fundación Eugenio Granell, resultado da súa residencia artística na institución. A exposición, comisariada por Eduardo Valiña, reúne pintura, acción escultura branda, son e colaboracións con outras creadoras, consolidando unha das propostas máis maduras da súa traxectoria.



